O Santiago Futsal cede na súa presentación oficial ante o Burela FS
Santiago Futsal e Burela FS saltaron á pista de Vista Alegre no que presaxiaba ser un partido de gran calidade e competido para o espectador. Na presentación oficial dos da Mariña, a sorpresa estivo no seu cinco inicial, no que figuraba Juanma, xogador veterano do Burela FS, que se despediu da súa afección e cuxa ovación no minuto 4 de partido foi seguida por todos os presentes en Vista Alegre.
O Santiago Futsal, no que non xogaron ningún dos 3 capitáns; Lucho, Diego Quintela e Hugo, nin Marci por problemas musculares, non materializaba ningunha das ocasións que tivo para adiantarse no marcador, tanto en tiros axustados de Lucas Bolo como nas chegadas de Iván Rumbo, que debutou onte co equipo compostelán.
Habería que esperar ao minuto 16 do encontro para que Helder adiantase aos seus nun tiro que despexaría Marcos Vara, pero cuxo rexeite favoreceu ao da Mariña e poría así o primeiro no marcador. A falta de 4 segundos para finalizar a primeira parte, Gallego igualaría o marcador cun tiro de dobre penalti que o arxentino axustou á escuadra esquerda e que nada puido facer Edu para detelo.
Tras a continuación, Isi marcaría o segundo para os de Juanlu Alonso cun zurdazo desde fóra da área no minuto 25. Coa expulsión de Isi no minuto 29 e a superioridade numérica, o Santiago Futsal non igualaría a conta ata que Lucas Bolo marcou o segundo no minuto 31 cun tiro desde fóra da área que coloca no marco esquerdo da portaría. O arxentino facía así o 2-2 no marcador, aínda que a igualada só se mantería uns segundos. Matamoros marcaría o terceiro para o Burela FS no minuto 32 cun forte golpeo do balón tras saque de esquina que o madrileño coaría pola escuadra da portaría compostelá. Sería Matamoros o que afastaría aínda máis aos mariñáns no marcador ao marcar o cuarto nun tiro de dobre penalti no minuto 36, e o quinto só un minuto despois tamén desde a liña de 10 metros.
Nos dous últimos minutos de partido sucedéronse as mellores ocasións para o Santiago Futsal. Alex González detivo o lanzamento de dobre penalti de Gallego e Lucas Bolo lanzaría alto na ocasión máis clara do segundo tempo. Antoñito marcaría en propia porta no minuto 39 e pecharía o marcador cun 5-3 favorable aos da Mariña. A falta duns segundos para concluír, Marcos Vara detería o último lanzamento de dobre penalti dos locais.
FICHA TÉCNICA
CD BURELA FS 5: Edu, Matamoros, Juanma, Antoñito e Isi- cinco inicial- Helder, Miguel, J.Belvert, Carlitos e Alex González.
SANTIAGO FUTSAL 3: Marcos Vara, Pablo Tallón, Borja, Kike e Dani M.- cinco inicial- Gallego, Iván Rumbo, Lucas Bolo, Chus e Santi.
ÁRBITROS: Cid Bragado e Carlos Martínez. Amoestaron a J.Belvert, Isi (cartón vermello), Matamoros e Álex González polo CD Burela FS, e a Lucas Bolo, Iván Rumbo e Marcos Vara polo Santiago Futsal.
INCIDENCIAS: Partido de presentación do CD Burela FS no Pavillón de Vista Alegre (Burela) ante 400 asistentes
GOLES: 1-0 min.16 Helder, 1-1 min.19 Gallego, 2-1 min.25 Isi, 2-2 min.31 Lucas Bolo, 3-2 min.32 Matamoros, 4-2 min. 36 Matamoros, 5-2 min.37 Matamoros, 5-3 Antoñito (pp)











