O Santiago Futsal B arrincou esta tempada cun empate ante a SD Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Santiago Futsal B arrincou esta tempada cun empate 2-2 ante un difícil rival, a SD Pazos de Borbén.

Comezou o partido con dominio local, pero por mor dunha transición do equipo contrario, chegou o primeiro gol nun saque de falta que puña por diante no marcador aos Pazos de Borbén. O Santiago Futsal B subiu a defensa e nunha xogada de estratexia nun saque de banda chegou o empate do conxunto branco.

Tras a consecución do gol local, os do Pazos de Borbén volvería adiantarse no marcador na seguinte xogada pondo o 1-2 no marcador. Cando faltaban 4 minutos para a conclusión da primeira parte, Marcos Gianzo faría o empate nunha xogada individual e igualaría o marcador ao fío do descanso.

Coa continuación, o Santiago Futsal tería que empregarse en defensa pois nos primeiros minutos o maior perigo xerouno o equipo contrario. A partir de aí, a tónica do partido estivo marcada polo dominio do Santiago Futsal B, que chegaba a meta contraria con facilidade pero que non conseguiu converter as ocasións en gol.

O adestrador Jorge Basanta comentou que “o resultado foi xusto porque non se chegaron a materializar as xogadas en ambos os equipos, sobre todo por parte do equipo local. Fallamos na finalización. Nós saímos reforzados de cara ao seguinte partido, xa que era un rival difícil.”

O próximo encontro terá lugar o sábado en Xove contra Pizzaría Foxe SD Xove FS.

29 de setembro de 2014 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.