O Río Natura Monbus proclámase campión en Lisboa

O Rio Natura Monbus Obradoiro venceu hoxe ao Lighthouse Trapani italiano no pavillón da Fidelidade (60-82) e conseguiu finalizar o Torneo Internacional de Lisboa como primeiro clasificado.

A pesar de saberse campión, o equipo de Moncho Fernández non rebaixou nadiña de nada o nivel de tensión exhibido nos días previos. Así pois, os compases iniciais foron de extremada fluidez ofensiva cos tiradores galegos coa puntaría afinada e facendo dano ao Trapani desde máis aló da liña de triplos. Foron cinco os que entraron no primeiro cuarto. Deu igual quen fose o lanzador, porque atoparon premio con frecuencia os homes de branco. Waczynski en dúas ocasións, Corbacho, Nankivil e Pozas nunha. Tampouco lle tremeu o pulso ao pivote Andrea Renzi, que con sete puntos mantivo en órbita ao cadro italiano (19-20, min. 10).

Na continuación gañaron importancia as defensas. Cargou peso o Río Natura Monbus e meteu centímetros en cancha Moncho Fernández, con Kleber, Triguero e Chagoyen, pero o Lighthouse Trapani mostrouse máis inspirado e logrou igualar o envite (24-24, min. 14). Christopher Evans liderou a rebelión italiana, con 11 puntos (80% de acerto en tiros de dous), que chegaron a pór por diante ao combinado que vestiu de negro. A agresividade defensiva dos de Lino Lardo complicou moito ao conxunto santiagués, que atopou no acerto de Adam e o sacrificio de Triguero a solución para enfilar o túnel de vestiarios cunha exigua vantaxe (35-37).

Na segunda metade emerxeu de novo a figura de Corbacho, con 11 puntos no terceiro parcial. O beirado mallorquín, ausente o sábado por estar a participar no Concurso de Triplas ACB, exhibiu o seu acerto de lonxe con dous triplos e mostrou o seu bo entendemento con Waczynski. Alberto e Adam  asinaron unha sociedade moi anotadora na pretemporada. Paulatinamente foi tensando a corda o Río Natura Monbus e estirando a diferenza deixando atrás ao equipo siciliano (45-54, min. 30) a pesar da insistencia de Evans, que se marchou até os 18 puntos.

No último cuarto, Moncho Fernández continuou coa súa política de rotacións. Repartiu minutos entre os xogadores dispoñibles, protexéndolles de calquera imprevisto e manténdolles a ton para o debut ligueiro. Quen non variaron o seu discurso foron Corbacho, máximo anotador con 21 puntos e Waczynski, MVP con 19 puntos e 15,5 de valoración, que continuaron asoballando ao Trapani obrigado a pedir tempo morto e aplicar medidas de urxencia (48-62, min. 34). A defensa galega negou a reacción italiana e Kleber sumouse á festa cun espectacular mate.

Ao final, os beirados tiraron do carro que apoiados polos “catros” Maxi Kleber e Keaton Nankivil conseguiron unha vitoria que no marcador parece máis cómoda do que se viu na pista (60-82).

Concluída a pretemporada, chega outubro, e con el, a competición oficial. O mércores terá lugar a presentación do equipo (20:00 h, Cidade da Cultura) e o sábado 4, no Fontes do Sar, comeza o curso ligueiro ante A Bruixa d’Or Manresa (19:00 h).              

Lighthouse Trapani: Meini (0), Thomas Jr. (13), Evans (18), Renzi (16), Conti (6) – quinteto inicial – Ferrero (2), Vicenzo (0), Felice (0), Baldasarre (3), Bossi (2) e Urbani (0).

Río Natura Monbus Obradoiro: Pepe Pozas (9), Corbacho (21), Waczynski (19), Nankivil (12), Miller (5) – quinteto inicial – Triguero (9), Kleber (5), Cárdenas (0), Giannopoulos (0) e Chagoyen (2).

Árbitros: Pedro Coelho, Rui Ribeiro, José Gouveia.

Parciais: 19-20, 16-17, 10-17, 15-28.

Pavillón: Fidelidade.

28 de setembro de 2014 | 20:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.