O Rio Natura Monbus Obradoiro e o Club Baloncesto Ourense protagonizarán a segunda semifinal da festa do baloncesto galego
O Río Natura Monbus Obradoiro botará a andar este fin de semana, cun persoal moi novo e renovado, e a mesma filosofía e ilusión de sempre: asegurar o baloncesto de elite outro ano máis en Santiago de Compostela, coa disputa do primeiro título oficial da tempada: A Copa Galicia Sénior Masculina.
Esta primeira proba de pretemporada, que terá lugar no Pazo dos Deportes de Lugo, o Río Natura Monbus Obradoiro tratará de lograr o seu quinto título, e revalidar así o campionato conquistado hai un ano en Santiago, nunha apertada final contra o Ribeira Sacra Breogan (67-60).
En semifinais, o equipo que dirixe Moncho Fernández medirase ao Club Ourense Baloncesto (sábado, 20:15 h), no que será unha repetición da semifinal da última edición. O COB conseguiu alcanzar a semifinal, despois de vencer a domicilio o pasado mércores ao Xuven de Cambados na prórroga (68-79).
Os santiagueses defenden título coa esperanza de brindar á súa xente a primeira alegría da tempada. Será o primeiro encontro do curso preparatorio. O técnico de Pontepedriña contará con todos os seus homes para continuar ensamblando pezas e puíndo detalles antes de que dea comezo a liga o próximo catro de outubro.
Polo outro lado do cadro, o equipo anfitrión, o Ribeira Sacra Breogan, terá como rival ao Leyma Basquet Coruña, de “Perico” Díaz. Os dous gañadores daranse cita o domingo, ás 13:00, nun encontro que será retransmitido polas cámaras da Televisión de Galicia.
As entradas para a fase final están á venda nas oficinas do CB Breogán en horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas e os días do torneo en despacho de billetes antes dos encontros.
Prezos Abonos (Semifinal e Final):
-ADULTOS: 15€
-INFANTIL (menores de18): 10€
Entradas por xornada:
-ADULTOS: 10€
-INFANTIL (menores de18): 8€











