O rexedor vigués convocará aos grupos para consensuar un representante do Concello no padroado de Afundación
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que convocará unha reunión dos grupos municipais para buscar un consenso no nomeamento do representante do Concello no padroado de Afundación (entidade herdeira da obra social das antigas caixas).
Asi sinalouno o rexedor durante a celebración do pleno ordinario, no que o PP presentara unha moción para que o goberno municipal nomease ese representante canto antes, e o fixese co consenso dos tres partidos.
O padroado de Afundación constituíuse o pasado martes, pero non houbo ningún representante do Concello, xa que Caballero afirmou que non o nomearía ata que a Xunta garantise que a sede da entidade sería Vigo.
Precisamente a petición do goberno galego, aprobouse deixar a sede na cidade, nesa primeira reunión do padroado. A partir de entón, Caballero accedeu a nomear patrón e este xoves, no pleno, aclarou que convocará os grupos malia que “a lexislación vixente dá esa potestade á Xunta de Gobierno.
A cambio dese compromiso, a concelleira do PP, Teresa Cendón, accedeu a retirar a moción da orde do día, aínda que pediu ao alcalde que cumpra o anunciado porque os populares levan “un ano pedindo consenso” e están “moi desgustados coa política de cadeira baleira” do goberno municipal.











