publicidade hoxe

O rexedor de Santiago agracede ao Banco de Alimentos o seu gran labor solidario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Hernández sumando quilómetros solidarios

Hernández sumando quilómetros solidarios

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu na praza do Obradoiro á entrega dun vehículo con mercadoría por parte da Fundación Carrefour ao Banco de Alimentos de Santiago. Esta entrega benéfica é froito da campaña “Kilómetro solidario”, posta en marcha polo centro comercial coincidindo coa chegada á cidade da Volta Ciclista a España. Agustín Hernández agradeceu ao centro comercial esta achega solidaria, “froito da colaboración de centos de cidadáns e cidadás que de forma anónima ofreceron o seu esforzo en pedaladas para sumar quilómetros e con iso sumar quilos de alimentos para o Banco de Alimentos de Santiago”. Así, aproveitou para animar este tipo de iniciativas, que “axudan a paliar as carencias sociais e poñer gran de area nun tarefa que nos ocupa e preocupa a todos os que temos responsabilidades de goberno a calquera nivel”.

“É unha tarefa que tamén vén facendo o Concello de Santiago a través dos seus propios Servizos, pero tamén colaborando coas institucións e entidades de carácter social que colaboran na prestación de asistencia e de atención a colectivos desfavorecidos”, engadiu. Neste sentido, lembrou que, hai pouco menos dun mes, a Administración municipal destinou máis de 130.000 euros a 15 entidades, entre as que se atopaba o Banco de Alimentos, unha institución declarada Ben de Utilidade Pública que –indicou o alcalde- realiza un gran labor de transporte e distribución de alimentos doados por particulares, entidades e empresas e que ata organiza as súas propias campañas de recolleita cos seus propios voluntarios.

“Polo labor que realiza esta organización do Banco de Alimentos, especialmente necesario nunha época onde se producen situacións de especial urxencia sobrevidas; e polo labor de apoio que prestan, tanto o Banco de Alimentos, como a empresa Carrefour, agradézolles en nome da cidadanía de Santiago de Compostela esta meritoria e exemplar iniciativa na que hoxe me cabe a honra de participar”, concluíu Agustín Hernández.

24 de setembro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.