O rexedor de Ponte Caldelas clausura o curso preparatorio para exame de graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Visita do alcalde de Ponte Caldelas á clausura do curso

Visita do alcalde de Ponte Caldelas á clausura do curso

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, clausurou, no Centro Cultural, o curso preparatorio para realizar o exame de graduado en ESO. Durante o verán o Concello organizou este curso para os alumnos que na convocatoria de maio quedou pendente a especialidade científico-tecnolóxica e que durante os meses de xullo e agosto recibiron formación sen custo económico algún para preparar a convocatoria de setembro.

Perfecto Rodríguez manifestou sentirse moi orgulloso do esforzo realizado, sobre todo daquelas persoas de maior idade, que mantiveron a súa constancia e traballo até completar este proceso formativo. Así mesmo, o rexedor desexoulles sorte para o exame que terán que realizar en Pontevedra mañá xoves 11 de setembro.

Esta iniciativa, organizada polo Concello de Ponte Caldelas a través da Oficina Municipal de Emprego e Desenvolvemento Local, pretende apoiar desde un punto de vista formativo e educativo a aquelas persoas que no seu momento non finalizaron esta etapa dos seus estudos e que agora deciden tentalo, co apoio de profesionais da educación coordinados pola administración municipal.

Perfecto Rodríguez felicitou aos alumnos asistentes que conclúen agora o curso pola súa decisión de retomar os seus estudos e defendeu a necesidade de “adquirir coñecementos e preparación como ferramentas imprescindibles para lograr unha mellor penetración no difícil mercado laboral que temos debido á persistente crise económica”, indicou o rexedor.

O alcalde de Ponte Caldelas sinalou tamén aos asistentes que esperaba que aproveitasen ao máximo os recursos formativos que o Concello puxo á súa disposición co fin de que poidan sacarlle o maior rendemento posible de cara ao seu exame de gradación.

Finalmente, o alcalde manifestou o desexo do seu equipo de Goberno de continuar con este labor formativo en sucesivas convocatorias co fin de que o maior número de persoas poidan beneficiarse desta acción e lles sirva para conseguir o graduado en ESO, título imprescindible para lograr unha mellor inserción no mundo laboral, aínda que manifestou que se analizará en profundidade a experiencia adquirida nestes meses coa posta en servizo desta iniciativa co fin de optimizar recursos e sacar as conclusións precisas para mellorar esta acción formativa.

Ademais o Concello porá en marcha outras actividades formativas durante o outono en colaboración coa Deputación.

10 de setembro de 2014 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.