O PSOE de Santiago advirte ao Concello de que a iluminación pública é a súa responsabilidade
O portavoz do PSOE no Pazo de Raxoi, Paco Reyes, advertiu este martes ao Goberno local de que a iluminación pública é a súa “responsabilidade”, aínda que a súa xestión ou mantemento estea “subcontratado” a unha empresa. “Non só é titularidade do concello, é a súa responsabilidade”, remarcou.
Con todo, preguntado en rolda de prensa sobre o falecemento dunha nena de 14 anos no compostelán barrio de Guadalupe como consecuencia da descarga producida por un farol, o concelleiro socialista emprazou a ver o resultado da investigación xudicial e o informe definitivo da Policía Científica “para ver que ocorreu”.
Xa con esas conclusións, avanzou, poderanse tomar “as decisións oportunas” ou “demandar as responsabilidades que correspondan”. “Pero temos que saber exactamente que ocorreu”, recalcou, convencido de que “as elucubracións non van dar resultado”.
A continuación, Reyes lamentou esta “absoluta traxedia” ocorrida durante as festas do barrio e trasladou as súas “condolencias” á familia desta menor. “Non podemos nin imaxinar a súa dor e a súa desesperación, a situación é terrible”, finalizou.











