O presidente provincial do PP coruñés avoga polo sentido común de cara ás municipais
O alcalde da Coruña e presidente provincial do PP coruñés, Carlos Negreira, avogou polo “sentido común” no PP de cara ás eleccións municipais, mentres que, sobre a aparición de formacións como Podemos, dixo que se trata dun partido que fixo “unha OPA ao PSOE”.
“Eu estou máis no facemos que no Podemos”, manifestou durante a súa intervención no ‘Fórum Europa. Tribuna Galicia’, onde fixo balance das actuacións no Concello da Coruña durante o seu mandato.
Así, de cara ás eleccións municipais e preguntado polas enquisas, indicou que, no seu caso, prefire “non ser gañador das enquisas das 20,05 horas e si do voto nas urnas”. No caso de Podemos, manifestou que, cos seus achegamentos a Esquerda Unida, “fíxolle unha OPA ao PSOE”.
“Iso é problema deles”, indicou o tamén presidente provincial do PP coruñés, quen sinalou que esta formación debe aplicar “prudencia, sensatez e o sentido común”.
Mentres, evitou valorar as discrepancias xurdidas no seo do Partido Socialista provincial entre o seu máximo responsable, Francisco Caamaño, e a executiva galega. Unicamente dixo que se necesita “un PSOE forte”.











