publicidade hoxe

O presidente da Xunta participa en Vigo na inauguración da exposición “Antón Pulido. Antolóxica”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
O presidente da Xunta na inauguración da mostra. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta na inauguración da mostra. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á mostra “Antón Pulido. Antolóxica” como un conxunto de obras que forman un país. “Se alguén dun lugar afastado chegara a Galicia sen tempo para degustala, habería que dicirlle que viñera aquí e deixara que Antón fora o seu cicerone. Sairía entendendo o que somos e feito un galego adoptivo”, aseverou.

Durante a inauguración da exposición, Feijóo salientou que cada cadro de Pulido contén unha viaxe, unha exploración de sentimentos recónditos. “Estuda, esculca, investiga, percorre con mestría estilos diversos, pronuncia distintas linguaxes pictóricas. Pero sempre é el”, dixo.

O responsable do Executivo autonómico incidiu en que as obras que a partires de hoxe se poderán disfrutar grazas á colaboración de Afundación e a Xunta, “non se conservan; son”. “Fan que momentos do pasado sexan presentes. Reproducen un país, e fano aquí en Vigo, definida polo propio Antón Pulido cun acerto difícil de igualar: <unha cidade universal que deixa en liberdade á xente>”.

Aínda que abondaría coa obra que se recolle nesta mostra para darlle un lugar senlleiro na nosa historia cultural, Feijóo lembrou que o artista non se conformou con esa “entrada” da súa biografía, tendo a cultura galega unha dobre pegada súa. “Cando lle pediron compromiso, acudiu. A el se lle debe unha xestión que puxo os alicerces do rexurdimento galego dos últimos anos. Calquera diría que un artista metido a director xeral, ou a director do Centro Galego de Arte Contemporánea, fracasaría, incapaz de pasar da abstracción ao concreto. Pulido triunfou, deixando un legado no que destaca a introdución na política e na administración das preocupacións culturais”.

25 de setembro de 2014 | 20:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.