O presidente da Deputación visita as obras do campo de fútbol da Senra en Ribadumia

Louzán na visita ao campo de fútbol
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitou esta mañá as obras que a Administración provincial está a desenvolver en cooperación co concello para a mellora do campo de herba natural de A Senra, en Ribadumia. Durante a visita puido comprobar que os traballos están xa na súa fase final e que mañá se completarán os últimos detalles, de forma que estean en perfectas condicións para tanto para o partido internacional amistoso entre o Real Club Celta de Vigo e o Sporting de Braga como para o primeiro encontro que o Club Deportivo Ribadumia disputará na casa nesta primeira temporada na terceira división.
Louzán subliñou que, coas labores de mellora en A Senra e a construción do novo campo de céspede artificial que actualmente está en licitación, Ribadumia disporá dunhas magníficas instalacións deportivas para todos os que desexen practicar o deporte rei.
Neste sentido, indicou que o obxectivo é poder poñer estas instalacións non só á disposición do Club Deportivo Ribadumia e de todos os veciños e veciñas da zona, senón tamén “da nova hospedería” que se vai abrir no marco do proxecto Pousadas do Salnés, de forma que “equipos de categorías superiores poidan facer aquí as súas pretemporadas”.
Louzán destacou que a apertura dunha “infraestrutura hoteleira” e a “posibilidade de adestrar en herba natural e artificial” fai o contorno “atractivo para os clubs de categoría superior”.
Melloras
As obras que agora conclúen son a primeira fase da mellora do Complexo deportivo de A Senra e incluíron o acondicionamento do terreo de xogo do campo de herba natural que, despois de 12 anos desde a súa construción, requiría de certas melloras, así como a renovación da rede de alumeado e a ampliación das gradas.
A eles sumouse a construción dun novo edificio de gradas.
Este edificio servirá tamén á segunda fase de actuacións, na que se inclúe a creación dun campo de herba sintética, que conta cun orzamento próximo aos 600.000 euros e que incluirá a construción de vestiarios no baixo da grada.
Finalmente, o presidente da Deputación destacou o “importante esforzo” que a Administración provincial está a realizar para apoiar o deporte, tanto no que respecta á mellora e construción de infraestruturas como na promoción da práctica deportiva, algo que se realiza tanto coa organización e colaboración en distintos eventos, como coas escolas deportivas.











