O porto pesqueiro de Vigo acollerá as XII Xornadas Marisqueiras Vigomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaVigo
A-
A+

As instalacións do Porto Pesqueiro de Vigo acollerán, un ano máis, as XII Xornadas Marisqueiras VigoMar 2014, que terán lugar do 11 ao 14 de setembro.

Segundo avanzou en rolda de prensa o Presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, que estivo acompañado por Manuel López Garrido, da empresa López Novoa, e Argentino Pires, de Viveiros de Vigo, a organización porá a disposición dos turistas un tren que facilitará o seu traslado até o Porto Pesqueiro e que durante o seu traxecto percorrerá as seguintes rúas: Cánovas do Castelo, Carral, Marqués de Valladares, Rúa Pontevedra, Alameda e Arenal.

Os asistentes a esta cita ineludible no calendario das festas locais poderán degustar máis de medio centenar de toneladas de produtos do sector pesqueiro e marisqueiro da cidade nun total de 48 variedades con prezos alcanzables para todos os petos.

A organización espera a asistencia dunhas 60.000 persoas, que poderán degustar os máis de 50.000 quilos de marisco que se porán á venda durante os catro días que durará esta festa gastronómica.

Ademais das degustacións, a organización previu diversas actividades paralelas, como sesións de baile, actuacións folclóricas e de grupos de animación, inchables e xogos tradicionais.

Inauguración oficial

A inauguración oficial das XII Xornadas Marisqueiras terá lugar o vindeiro xoves, día 11 de setembro, ás 13.00 horas. Nesta ocasión, a lectura do pregón correrá a cargo do adestrador do R.C. Celta de Vigo, Eduardo Berizzo.

VigoMar 2014 conta co apoio institucional da Autoridade Portuaria de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Consellería do Mar e do Medio Rural da Xunta de Galicia.

A Autoridade Portuaria de Vigo colabora con esta celebración desde o inicio da súa andaina mediante a cesión parcial do persoal do Porto Pesqueiro, ademais de pór a disposición da organización o chan necesario, así como a enerxía eléctrica que durante estes días se consuma e intervindo, á vez, na hixienización das instalacións e na recollida de residuos.

5 de setembro de 2014 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.