O Porto de Vigo recibe nunha semana máis de 18.000 persoas a bordo de oito escalas de cruceiro
O Porto de Vigo despide hoxe una das súas semanas grandes, coa chegada de máis de 18.000 persoas a bordo de oito escalas de cruceiro.
En total, os peiraos olívicos recibiron a visita de preto de 13.000 pasaxeiros e 5.300 tripulantes de diversas nacionalidades, cuxa presencia na cidade foi máis que notable paro os establecementos hoteleiros. De feito, segundo un estudo da Universidade de Vigo, que mide a repercusión económica do tráfico de cruceiros, estas escalas supuxeron un desembolso de máis dun millón de euros.
Pero non será o único, xa que se prevé que, ao longo deste mes, visisten a cidade máis de 56.000 persoas, o que suporía, de acordo con este estudo, máis de 3.200.000 euros.
Tras as escalas do Seadream I o pasado luns e a dobre escala tripla protagonizada o mércores e o xoves polo Celebrity Constellation, a Costa Pacifica e o Windsurf, aos que seguiron a Costa Mediterranea, o MSC Opera e o MSC Orchestra, hoxe tocaralle a quenda ao Boudicca, que será o encargado de pór o broche de ouro a unha semana memorable para a dársena viguesa.
A súa chegada está prevista ás 06.30 horas. Procedente de Tánxer (Marrocos), o buque porá rumbo a Belfast (Gran Bretaña) ás 17.00 horas. Ao longo dos seus 207 metros de eslora viaxan máis de 800 pasaxeiros, na súa maioría irlandeses e británicos, e 350 tripulantes. Aínda que máis modesto en canto a dimensións que os seus antecesores, este veterano de algo máis de 28.000 toneladas e 205 metros de eslora por 25 de manga, foi construído no ano 1973 baixo o nome de Royal Viking Sky, do mesmo xeito que o seu case xemelgo Black Watch. Trátase dun barco de atmosfera relaxada, o que propicia que a súa clientela estea composta na súa maioría por xente de avanzada idade.
De ambiente elegante, o Boudicca é o último dos barcos adquiridos por Fred Olsen Cruise Line que, na actualidade, opera cunha flota de catro buques. O barco, que sufrira xa unha ampla remodelación, entrou novamente en estaleiros, adaptándoo así á tradicional liña de alta calidade de Fred Olsen, tanto na súa decoración interior como nos motores.
Con capacidade para 850 pasaxeiros, caracterízase polo seu deseño espazoso. Destaca especialmente a súa cuberta feita de teca para gozar das vistas ou a súa piscina interior climatizada. Pola noite, o crucerista poderá deleitarse cos cabarets no Neptune Lounge. Pero, ademais, o Boudicca presenta moitas alternativas para comer a bordo, pasando polas noites de gala no comedor principal, ao buffet máis informal e relaxado no Secret Garden Café. Así mesmo, os seus hóspedes poden participar nas lecturas acerca dos portos, gozar da música clásica ou descansar lendo un libro da biblioteca.
Próximas escalas
Tras esta semana frenética en canto a tráfico de cruceiros refírese, os próximos días chegará o Celebrity Infinity, o Independence of the Seas, o MSC Opera, a Autora e o Róterdan, antesala da escala máis esperada do ano, que terá lugar o próximo 27 de setembro, momento no que o cruceiro máis grande do mundo fará a súa entrada na cidade. Durante esa xornada, única para os peiraos vigueses, estará acompañado por outro xigante do mar, o Celebrity Infinity. Unha dobre escala moi significativa, xa que ambos os buques deixarán en Vigo máis de 12.000 persoas nun só día. Pechará o calendario de cruceiros do mes de setembro o Independence of the Seas.











