O Porto de Vigo recibe máis de 9.000 persoas chegan a bordo do Costa Mediterranea, o MSC Opera e o MSC Orchestra
O Porto de Vigo acolleu hoxe mércores outra tripla escala de cruceiros con máis de 9.000 persoas a bordo, entre pasaxeiros e tripulación. Do mesmo xeito que onte, e por segundo día consecutivo, dous dos buques atracaron á primeira hora da mañá no Peirao de Transatlánticos, o MSC Opera e o MSC Orchestra, mentres que a Costa Mediterranea fíxoo no Peirao de Comercio.
A bordo das tres naves viaxan preto de 6.500 pasaxeiros, na súa maioría alemáns, portugueses, franceses, americanos e rusos, ademais de 2.600 tripulantes. As esloras dos tres buques suman máis de 800 metros.
O primeiro en chegar a Vigo foi o MSC Opera, de 251 metros de eslora. Fíxoo ás 08.00 horas procedente de St. Peter Port (Reino Unido) e a súa saída está prevista ás 15.00 horas, momento no que porá rumbo a Lisboa.
O MSC Opera compartiu peirao co MSC Orchestra, de 294 metros de eslora. Chegou ás 08.30 horas procedente de Southampton e ás 18.00 horas despedirase aos peiraos olívicos para pór rumbo a Lisboa. Pola súa banda, a Costa Mediterranea atracou no Peirao de Comercio ás 08.30 procedente de Cherburgo e ás 18.00 horas partirá cara a Lisboa.
Esta tripla escala de cruceiros en pleno centro da cidade ten lugar un día despois da protagonizada onte polo Celebrity Constellation, a Costa Pacifica e o Wind Surf, con máis de 7.000 persoas a bordo.
O Porto de Vigo prepárase así para un dos meses estrela do ano, no que arribarán aos peiraos olívicos máis de 56.000 visitantes e que contará coa visita estrela, o 27 de setembro, do maior cruceiro do mundo, o Oasis of the Seas, que recalará só en tres portos da Península Ibérica: Vigo, Barcelona e Málaga, o que pon de relevo a consideración a nivel mundial do Porto de Vigo como porto de cruceiros. Un cruceiro de 362 metros de eslora e capaz de desprazar a un total de 9.000 persoas.











