O Porto de Vigo diversifica os seus tráficos co incremento de movementos de aluminio e froitos secos

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Reunión do consello de administración

Reunión do consello de administración

Nos últimos meses, a Autoridade Portuaria de Vigo diversificou e multiplicou os seus tráficos. Así o asegurou esta mañá en rolda de prensa o máximo responsable da institución olívica, Ignacio López-Chaves, tras a reunión ordinaria do Consello de Administración. Segundo asegurou a dársena viguesa experimentou unha evolución dos seus tráficos, entre os que destacou o aumento de movementos de aluminio. De feito, segundo apuntou, até o pasado mes de agosto movéronse ao redor de 50.000 toneladas deste metal, fronte ás preto de 43.000 toneladas de todo 2013. Trátase, explicou, de mercadoría xeral que non vén en colector e cuxa procedencia adoita ser Rusia ou Mozambique, mentres que desde Vigo se exporta a Galicia, Portugal e resto de España. Un tráfico de “crecemento potencial” no Porto vigués para o que se tiveron que incrementar zonas de depósito aduaneiro no Peirao do Arenal grazas ao incremento de superficie e calado na zona.

Por outra banda, López-Chaves referiuse a outro tráfico en crecemento, como é o dos froitos secos tras a autorización por parte da Subdirección Xeral de Sanidade Exterior do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Goberno de España, ao Porto de Vigo como Punto Designado de Importación (PDI) e Punto de Entrada Designado (PED).

Este recoñecemento implica que a terminal olívica está habilitada para a inspección de determinados produtos sometidos a medidas especiais de protección, como é o caso dos froitos secos con risco de conter sustancias contaminantes e nocivas que deben inspeccionarse por separado nunhas instalacións homologadas para este tipo de inspeccións.

Para lograr esta autorización por parte do Goberno de España, a Autoridade Portuaria de Vigo levou a cabo unha serie de melloras no Posto de Inspección Fronteirizo (PIF), consistentes no acondicionamento e remodelación do actual edificio do PIF, dotándoo dun novo paso cuberto, nova sala de inspección e cámara de seco, así como cristaleira de acceso e mobiliario, entre outras.

Estas dependencias PDI e PED son necesarias para dar resposta á actividade empresarial baseada na importación e procesamento de materias primas como cacahuetes, améndoas ou noces para consumo humano, pensos e, en liñas xerais, todo tipo de materias primas de orixe non animal, con controis específicos reflectidos nos regulamentos correspondentes.

Escala Oasis

Así mesmo, López-Chaves informou o Consello de Administración da institución sobre os preparativos da institución que preside de cara á escala mañá sábado do cruceiro máis grande do mundo, o Oasis of the Seas, cuxa chegada está prevista para as 07.00 horas e que permanecerá na dársena viguesa até as 19.00 horas.

Segundo informou, o Oasis xa dobrou o cabo de San Vicente e, nestes momentos, atópase navegando rumbo ao Porto de Vigo. Un feito que o máximo responsable da APC cualificou de “histórico” para Galicia xa que Vigo será o único porto da costa atlántica peninsular que recibirá a este xigante do mar.

En canto ás excursións programadas para os cruceristas que chegarán mañá a Vigo a bordo do Oasis of the Seas e o Celebrity Infinity, asegurou que terán á súa disposición un total de 40 autobuses (23 para os pasaxeiros do Oasis e 17 para os do Celebrity) con capacidade para 2.200 persoas. No caso do Oasis, os autobuses estarán de volta ao mediodía, o que significa que máis de 6.400 persoas poderá gozar da nosa cidade até as 19.00 horas.

Outros asuntos de interese

Por outra banda, o máximo responsable portuario apuntou un incremento nas solicitudes de concesión de empresas e explicou que case todas as naves do Porto están xa ocupadas “o que significa que hai actividade económica”.

Por último, López-Chaves referiuse ao tráfico de mercadorías que, no acumulado do ano, (de xaneiro a agosto) sufriu unha caída próxima ao 4,5%, debido, sobre todo, á baixada de movementos de vehículos (18%) e de pezas auto (25%). Pola contra, soben os metais (+40%), o aluminio (+45%), o granito elaborado (+17%) ou a pesca conxelada (+3%).

En canto ao mes de agosto, López-Chaves subliñou un lixeiro incremento do +1% no tráfico de mercadorías, “sobre todo no de colectores e metais” o que, ao seu xuízo, supón un “repunte” da actividade económica, concluíu.

26 de setembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.