publicidade hoxe

O pleno municipal de Lousame aprobará a Conta Xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O pleno municipal de Lousame celebrará mañá xoves 18 de setembro, ás 20:30 horas, a súa sesión ordinaria do mes de setembro, cuxa parte dispositiva estará moi marcada polos asuntos económicos. Así, o pleno municipal aprobará a Conta Xeral de 2013, de xeito que poda ser enviada ao Consello de Contas dentro dos prazos legalmente establecidos.

Así mesmo, o pleno municipal acordará a fin da urxencia do Plan de Axuste, aprobado polo Concello de Lousame no ano 2012. Deste xeito cumprirase o anuncio realizado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, o pasado mes de setembro durante a aprobación dos Orzamentos Municipais de 2013. Unhas contas que incluían no seu Capítulo 9 os gastos de amortización dos préstamos a longo prazo vixentes, así como unha amortización anticipada do préstamo concertado co Fondo de Financiamento de Pago a Provedores no exercicio 2012.

“A finais de 2014 a débeda será do 8,067%, quedando unha débeda viva do 18% fronte ao 27,22% rexistrado ao inicio de 2013”, explicara daquela Teresa Villaverde, quen adiantara que “isto nos vai librar do Plan de Axuste e nos dará unha maior dispoñibilidade orzamentaria, pois incluso poderíamos acudir a operacións de crédito para financiar investimentos para os veciños”.

Orde do día

A sesión desenvolverase de acordo coa seguinte orde do día:

1- Aprobación das actas das sesións do 27-06-2014 e 17-07-2014.

2- Aprobación da Conta Xeral 2013

3- Elección de xuíz de paz titular e substituto

4- Acordo sobre finalización da urxencia do Plan de Axuste aprobado polo Concello no 2012

5- Resolucións da Alcaldía

6- Mocións

7- Rogos e preguntas

17 de setembro de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.