O pleno de San Sadurniño aproba os prezos da futura escola infantil e o primeiro convenio colectivo do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O deste primeiro de setembro foi un pleno un tanto atípico. O salón estivo cheo de público, houbo un debate máis ben moderado e, por primeira vez en moito tempo, non houbo intervencións no apartado de rogos e preguntas. A sesión saldouse coa aprobación das ordenanza reguladora da taxa polos servizos da futura escola infantil e tamén do primeiro convenio colectivo para o persoal laboral municipal. Estes foron os dous puntos máis relevantes dun pleno no que, ademais, houbo tres mocións: unha relativa á proposta do PP de modificar a lei electoral, outra pola vía de urxencia introducida polo BNG en sentido contrario e, por último, a presentada polo propio alcalde para reclamarlle á Consellería de Educación que solucione os problemas de masificación dunha das liñas de primaria do CPI.

Entre os asuntos de trámite, a orde do día incluiu o prace definitivo á desafectación de parte do antigo edificio consistorial para cederllo á Garda Civil. Xa se aprobara en pleno, pero agora o asunto volveu ao máximo órgano de representatividade municipal para a súa ratificación tras un periodo de exposición no que non houbo alegacións. Nos primeiros compases da sesión tamén se elixiron os días que serán festivos locais en 2015. Volven ser o Martes de Entroido e Santa Isabel, aínda que neste caso pasouse a festividade local para o día 3 de xullo por cadrar en venres.

Logo destes asuntos nos que houbo unanimidade dos tres grupos municipais, o debate centrouse nas taxas dos servizos da futura escola municipal. A ordenanza que se levou ao pleno é resultado do plan de viabilidade elaborado polo Concello e é un paso previo para que a Xunta autorice a apertura. As contías que se reflicten no documento son 50 euros anuais en concepto de matrícula, 197 euros mensuais por xornada completa de oito horas, 120 unha media xornada e, por último, a atención durante dúas horas pola tarde fixaríase en 75 euros ao mes. 

As horas extras que se soliciten por un periodo mensual terían un prezo de 25 euros, mentres que as empregadas puntualmente -días soltos- establécense en 5 euros. No tocante á alimentación dos nenos e nenas, o custo mensual do almorzo serían 30 euros, 85 o xantar e 30 euros a merenda. Os días soltos de comedor, segundo a proposta da ordenanza, quedarían fixados en 4.50 euros.

Cifras que para o voceiro nacionalista Suso Soto son “competitivas e accesibles” e que ademais “garanten a viabilidade económica dunha escola infantil pola que levamos agardando oito anos”. A oposición ratificou o apoio ao servizo pero criticou a ordenanza. Fernando Márquez cualificou as cantidades expostas como “inxustas e excesivas”, considerando ademais que o articulado debería recoller reducións adaptadas ao nivel de renda das familias. No mesmo sentido se manifestou o PP, para quen o centro debería estar subvencionado. O portavoz do bloque acusou ao representante socialista de “facer demagoxia” e aclarou que o goberno municipal “vai arbitrar axudas para as familias que o necesiten”. O alcalde lembrou que a ordenanza cos prezos debe cinguirse ao resultado do plan de viabilidade e que, neste sentido, “colléronse os prezos máis baixos”. “Quereriamos que a escola fose gratuíta, pero a Xunta non nola deixaría abrir porque daría perdas. Esta é unha das consecuencias da reforma da Constitución pactada polo PP e o PSOE”. García ratificou o exposto antes polo voceiro do bloque volvendo insistir en que habería axudas para as familias que o precisen. A ordenanza saiu adiante cos votos favorables do BNG. PP votou en contra e o PSOE abstívose.

O seguinte punto relevante, o da aprobación do convenio colectivo para o persoal laboral, tivo o apoio de nacionalistas e socialistas mentres que os populares volveron absterse. Na defensa do documento, Suso Soto explicou que se trata dun convenio “beneficioso para todas as partes, incluidos os veciños e veciñas” no que se recollen dereitos “pero tamén obrigacións de cara á cidadanía”. Soto sinalou que o convenio é resultado de un ano de negociacións no que se mantiveron case unha decena de xuntanzas entre o goberno e a representación laboral. Fernando Márquez mostrou o seu acordo co acordo alcanzado e mostrou a súa confianza en que o informe negativo da secretaría municipal nalgúns puntos non impida a súa entrada en vigor. O PP explicou a abstención precisamente por iso, polo feito de que parte do articulado conte con informes desfavorables do secretario do Concello. Secundino García non coincidiu con esta postura e expresou que tanto el como o resto do grupo de goberno entenden que o convenio colectivo “cumpre a lei” e que en caso contrario “o documento hai que publicalo e hai organismos competentes que teñen a posibilidade de impugnalo no caso de que sexa ilegal”.

Mocións

Na orde do día do pleno só se reflectía a que tiña previsto presentar o PP sobre a posible modificación da lei electoral para que sexan os cabezas das listas máis votadas quen teñan a responsabilidade de gobernar nos concellos. Plácido López leu o argumentario popular solicitando un posicionamento común e favorable do pleno sobre esta cuestión. Fernando Márquez foi o primeiro en rexeitala por entender que “a lista máis votada non sempre é a da maioría dos veciños”. Na mesma liña tamén se pronunciou o BNG, para quen a modificación das normas electorais responde ao desexo do PP “de perpetuarse no poder, sobre todo nas cidades”. A este respecto, e tras votar en contra da moción BNG e PSOE, o grupo nacionalista presentou pola vía da urxencia unha contramoción na que se lle reclama á Xunta que se opoña á reforma electoral e que se lle traslade ao goberno central a necesidade de garantir “máis participación cidadá” na toma de decisións, así como a eliminación da “regresiva” regra D´Hont que rexe o reparto da representatividade, así como a “flexibilización” de todo o referido aos referendos e ás consultas populares. O PSOE sumouse ás teses nacionalistas e criticou que o PP queira facer unha modificación das lei electoral “sen ningún tipo de consenso”.

Antes de erguer a sesión, o alcalde tamén incorporou -previa votación da urxencia- unha moción referida á saturación dunha das aulas de primaria do CPI. Secundino García explicou que nestes momentos en quinto de primaria “non se cumpren os ratios da propia Consellería de Educación” xa que “hai unha aula de 40 metros cadrados con 26 nenas e nenos dos que, ademais, un ten necesidades especiais”. A moción da alcaldía esixe da Xunta que se desdobre a aula e que se dote o curso de profesorado para atender a aula desdobrada. Tamén se lle pide á administración autonómica que se observe o cumprimento do plan de dinamización demográfica de Galicia de cara a que unha zona rural como San Sadurniño “na que houbo un repunte da natalidade” evite no futuro problemas de masificación nas aulas. 

Tanto PP como PSOE apoiaron a moción trala que se ergueu a sesión e se lle cedeu a palabra ao público. Só houbo dúas intervencións de traballadores municipais, nun caso para criticar que o PP non apoiase o texto do convenio colectivo e noutro para destacar o feito de que o convenio sirva para recoñecer a antigüidade do persoal laboral.

6 de setembro de 2014 | 14:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.