O pleno de Carballo apoia unha moción para rexeitar a proposta de reforma de Lei electoral

Sesión plenaria en Carballo
O pleno da corporación carballesa vén de aprobar unha moción presentada polo PSOE na que se insta ao goberno de España a rexeitar a modificación da LOREG (Lei electoral) que propón o Partido Popular para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. O acordo foi apoiado por todos os grupos da corporación, excepto o PP, nun texto que recolle que “en España, os cambios de sistema electoral sempre se fixeron con consenso, diálogo e a través do pacto, xusto o contrario do que se pretende agora”, ou que “non se poden plantexar cambios sobre a elección dos alcaldes modificando urxentemente a LOREG, sen acordo e a poucos meses das eleccións locais”. Durante a sesión, tamén se debateu unha moción presentada polo PP na que se solicitaba xusto o contrario que na anterior, é dicir “que se adopten as modificacións legais oportunas que garantan o respecto á vontade maioritaria dos cidadáns e á estabilidade do Concello, de tal xeito que o cabeza da listaxe máis votada nas eleccións locais sexa elixido Alcalde”. Neste caso, o resultado da votación foi xusto o contrario que na anterior, cos votos a favor do PP e en contra do resto dos corporativos, polo que foi rexeitada. Entre os asuntos que saíron adiante, hai que mencionar o apoio por unanimidade para o “Estudo detalle para ordenar volumes e concretar condicións estéticas dunha edificación de uso comercial na Avenida de Bértoa de Carballo”.
Trátase do Lidl, establecemento que agora mesmo conta cunha instalación provisional na Avenida de Bértoa. A empresa solicitou que se estipulen as directrices que se deben seguir para poder construír unha instalación definitiva de uso comercial. Tamén por unanimidade resolvéronse as concesións de dous postos do mercado gandeiro da Milagrosa. Así, expiran este exercicio os 30 anos de concesión -que non son prorrogables- e hai que principiar os trámites para comunicarlle a resolución aos afectados e afectadas. Coa abstención de PP e TEGA e o apoio do resto dos corporativos aprobouse unha transferencia de crédito para pagar a liquidación dunha obra do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2013 (POS). Retiraranse 18.423 euros da partida destinada á compra de vehículos municipais e incluiranse na partida correspondente para liquidar a cantidade coa empresa Hijos de Ramón Vázquez.
E dentro da orde do día hai que subliñar o rexeitamento do “Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo”, que quedou sobre da mesa á espera de seguir concretando detalles e poder debatelo de novo no pleno ordinario de finais do mes de setembro. Hai que lembrar que o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas. O expediente recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros.
Para saír adiante, debido ao seu importe e complexidade, o contrato debe contar co apoio da maioría de todos os membros da corporación (11 votos) e non pode ser aprobado por maioría simple. Porén, na sesión celebrada o luns o punto contou cos votos a favor do BNG (10), en contra do PP (8) e coas abstencións de PSOE (1) e TEGA (2), polo que o acordo non puido saír adiante. Así, o PP manifestou que o contrato pode ser “electoralista” e criticou as futuras taxas; o PSOE defende unha xestión municipalista do servizo; e TEGA considera que sería preciso manter xuntanzas para concretar certos puntos do contrato e estudalo con máis detalle. O Alcalde, Evencio Ferrero, defendeu que non se trata dunha medida electoralista xa que “será a futura corporación a que xestione o contrato”, porque en seis meses dende xaneiro a xuño de 2015 (data das eleccións municipais) non dará tempo a desenvolvelo.
Ademais, subliñou que todos os grupos contan dende o mes de xullo con toda a documentación do expediente e tiveron tempo para estudalo con detalle. Por último, tamén defendeu a urxencia de contar o antes posible cunha nova empresa adxudicataria, xa que de prolongarse os prazos non se chegaría a tempo para pechalo todo antes do 31 de decembro de 2014. Finalmente, o asunto quedou sobre da mesa.











