O pleno de Carballo aborda a aprobación do contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O pleno da corporación celebra unha sesión extraordinaria o luns 8 de setembro -correspondente coa sesión ordinaria do mes de agosto, que se traslada habitualmente aos primeiros días de setembro- na que o principal punto da orde do día é a aprobación do “Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo”. Así, o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Aquagest, agora Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas. O expediente de contratación recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros.

Para saír adiante, debido ao seu importe e complexidade, o contrato deberá contar co apoio da mayoría de todos os membros da corporación (11 votos). De aprobarse, abriríase o proceso de licitación, con 35 días naturais para a presentación de ofertas dende a publicación do anuncio nos boletíns oficiais (BOE e BOP). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar aos técnicos municipais do departamento de contratación polo longo traballo realizado na elaboración do expediente, que requiriu un “traballo intenso”. Así mesmo, a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, explica que todos os grupos políticos da corporación contan dende o mes de xullo coas principais directrices da proposta, para que puideran estudala en profundidade antes do seu debate no pleno. Dentro da orde do día, a sesión tamén inclúe a aprobación dun “Estudo detalle para ordenar volumes e concretar condicións estéticas dunha edificación de uso comercial na Avenida de Bértoa de Carballo”. Ferrero sinala que se trata do Lidl, situado onde antes se atopaba unha estación de servizo, e que agora mesmo conta cunha instalación provisional na Avenida de Bértoa.

A empresa solicitou que se estipulen as directrices técnicas que deben seguir para construír unha instalación definitiva de uso comercial por detrás da actual tenda provisional, mentres que o espazo da tenda provisional usaríase no futuro como espazo de estacionamento de vehículos. No apartado económico, está previsto debater a aprobación dunha transferencia de crédito para pagar a liquidación dunha obra do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2013 (POS). Retiraranse 18.423 euros da partida destinada á compra de vehículos municipais e incluiranse na partida correspondente para liquidar a cantidade coa empresa Hijos de Ramón Vázquez.

Debate arredor da reforma da Lei electoral

No apartado de mocións, o PSOE e o PP teñen presentado propostas contraditorias arredor da reforma da Lei electoral (LOREG) que vén de expoñer o Goberno de España. Por parte do grupo socialista, ínstase ao goberno a rexeitar a modificación da LOREG que propón o PP para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. Pola súa banda, o PP pide que se apoie “a reforma da lei electoral e promover a elección directa do Alcalde”. No primeiro caso, a moción recibiu o ditame favorable da comisión informativa, mais no segundo o PP non a presentou a tempo para ser abordada na comisión e deberá presentarse directamente no pleno. Dentro dos asuntos de trámite, a sesión inclúe a resolución da concesión de dous postos do mercado gandeiro da Milagrosa. Así, expiran este exercicio os 30 anos de concesión -que non son prorrogables- e hai que principiar os trámites para comunicarlle a resolución aos afectados.

5 de setembro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.