publicidade hoxe

O pleno da Deputación aproba unha achega de 420.000 euros para a seguridade viaria en Cambre, Outes e Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambreOutesVedra
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou no pleno de hoxe unha primeira relación de obras incluídas na segunda fase do Plan de Travesías 2014, nos concellos de Cambre, Outes e Vedra. A inversión total ascende a 420.667,85 euros que permitirán mellorar a seguridade viaria en diversos puntos destes municipios tanto para a circulación rodada como para os peóns. 

En Cambre a intervención será na DP 1702 en Sigrás. As obras consistirán na construción dunha senda peonil na marxe esquerda do viario (en dirección Cambre) nun área de 400 metros da parroquia que actualmente carece de beirarrúas. O novo bordo quedará a 15 centímetros por encima da estrada.

O proxecto inclúe a renovación da recollida de pluviais coa instalación de novos sumidoiros e pozos, ademais da preinstalación do alumeado público. En total, investiranse 79.400,07 euros nesta actuación.

En Outes a achega provincial será de 213.606,77 euros para humanizar a travesía DP 5602 que vai de Negreira a Ponte Nafonso. Neste caso dotarase a travesía de máis dun quilómetro de beirarrúas, 535 pola marxe dereita e 515 pola esquerda, no núcleo de Ponte Nafonso.

Os traballos implicarán demoler o pavimento existente, actualmente en moi mal estado, para executar novas beirarrúas. Ademais, tamén neste caso se instalarán novos sumidoiros, 4 pozos de rexistro e 32 arquetas para a canalización das auga pluviais que na actualidade verten ao colector de saneamento.

No proxecto tamén se inclúe unha mellora da iluminación da estrada con 15 puntos de luz que mellorarán a seguridade e o repintado da estrada e a sinalización vertical. Para completar a actuación instalarase unha varanda metálica para defensas en 54 metros do percorrido.

Xa no concello de Vedra se mellorará a seguridade viaria da DP 8203 de Quintáns a Paradela coa construción dunha senda peonil de máis dun quilómetro de lonxitude. Intervirase desde o punto quilométrico 6,83 ata o 8,15. Trátase dunha zona con moito tránsito peonil debido ás numerosas vivendas que hai na zona.  

A nova infraestrutura terá un ancho de 1,8 metros e se instalará a continuación do aglomerado existente. Quedará limitada da estrada por un bordo de formigón, ao igual que ao outro lado, para evitar a intrusión de terras na senda. Instalaranse 25 pozos con sumidoiros para a recollida de augas.   

O orzamento neste caso é de 127.661,01 euros

30 de setembro de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.