O pleno aprobará un investimento de 62.000 euros para equipar con dous vehículos novos o Servizo de Extinción de Incendios
O Goberno local, a través da área de Seguridade Cidadá que dirixe Julio Flores, informa de que levará ao pleno do próximo pleno a aprobación de 55.931,79 euros para equipar con dous novos vehículos lixeiros o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS). Este investimento corresponde ás contribucións especiais, recadadas a maiores do orzado e correspondente a 2013. En total, para a compra destes dous vehículos, o Concello investirá 62.146,44 euros, pois aos 55.931,79 euros de UNESPA súmanse 6.214,65 euros de fondos municipais (o 10% do investimento final).
As contribucións especiais recádanse a través do convenio asinado coa Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESPA) que para este ano, entre o Concello e UNESPA, supera os 1,12 millóns de euros. Con este investimento, a área de Seguridade Cidadá -ademais da compra dos dous novos vehículos que aproba no pleno do luns- poderá construír unha nova torre de prácticas e adquirir un vehículo lixeiro, un vehículo de altura, novo material de transporte e de rescate, para ximnasio e para mercadorías perigosas.
En 2012 e 2013, destináronse outros 1,72 millóns para a adquisición dun equipo de excarceración, un vehículo autobomba pesado, un vehículo de rescate e outro para traballos en altura, unha nova cocheira, unha estación de carga e seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidrantes, mobiliario para o posto de control e subministración de material para o SEIS.
A achega de UNESPA é un 68% máis con respecto a 2012, cando destinou 600.000 euros a proxectos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.











