O Planetario da Casa das Ciencias celebra unha sesión especial sobre o ceo de outono
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que o Planetario da Casa das Ciencias celebra este sábado, 27 de setembro, unha sesión especial en directo sobre o ceo de outono. En esta ocasión, a sesión completarase cunha actuación da cantautora coruñesa Silvia Penide.
Coa chegada da nova estación, o sábado, ás 13.00 horas, presentarase no Planetario Unha noite de outono, unha sesión en directo na que se mostrarán as novidades máis importantes do firmamento nesta época do ano. Ademais das estrelas e constelacións características do outono, o público terá a oportunidade de coñecer as últimas novidades na exploración espacial, incluíndo a chegada de novas sondas ao planeta Marte ou a inminente aterraxe dun enxeño da Axencia Espacial Europea sobre a superficie dun cometa.
Os asistentes a esta primeira proxección poderán gozar ademais da música en directo de Silvia Penide, cantautora coruñesa que estes días presenta a reedición do seu último disco, do que interpretará algúns temas durante a sesión. Para asistir a esta actividade é necesario retirar unha invitación. As invitacións comezaranse a entregar a partir das 12.00 horas do mesmo sábado, a razón de dúas por persoa, até completar aforamento.











