O Plan RUA 2014 inicia a súa actividade no barrio de Monelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa de que o Plan RUA actuará ao longo desta semana, e até o vindeiro luns 6 de outubro, no barrio de Monelos. Así, desde hoxe, martes 30 de setembro, e durante 6 días, a iniciativa chegará a 19 rúas e prazas da zona actuando sobre un total de 39.670 metros cadrados.

O Plan RUA pretende levar a cabo, dunha forma coordinada, unha serie de actuacións co obxectivo de conseguir unha cidade máis limpa, ordenada e sustentable. Para iso, ademais dun plan de limpeza intensivo, levan a cabo unha serie de actuacións nos elementos urbanos e de infraestruturas cunhas necesidades inmediatas, mediante un labor de planificación e coordinación. En total participarán un total de 30 servizos municipais para conseguir espazos máis sustentables coa colaboración dos veciños.

Así, realizaranse distintas actuacións como limpeza e aseo de calzadas, rúas e prazas, e mobiliario urbano; mantemento de zonas verdes; ou reparación de distintas incidencias, entre as que destacan as relacionadas coa iluminación pública, entre outras. En concreto, levarán a cabo as seguintes actuacións:

-Baldeo de beirarrúas, calzadas e prazas.

-Limpeza e mantemento de mobiliario urbano.

-Reposición de 4 colectores e 8 tapas deterioradas.

-Limpeza de 1.100 metros lineais da rede de rede de sumidoiros da zona. Limpeza e mantemento de 60 pozos da rede de sumidoiros e de 140 sumidoiros.

-Colocación de 370 cebos (desratización) en 180 arquetas de rede de sumidoiros.

-Mantemento de xardíns, zonas verdes e o parque infantil.

-Presenza do punto limpo móbil.

-7 actuacións en iluminación pública.

-Mantemento de 3 marquesiñas e 3 indicadores de dirección.

-Pintado de 6 pasos de peóns e 7 sinais viarios.

-Mantemento de 20 semáforos que inclúe pintado e cambio a sistema led.

Ademais, durante os días de actuación do Plan RUA na zona, ao non haber coches estacionados nas rúas, realízase a detección de vehículos abandonados.

30 de setembro de 2014 | 10:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.