O Pazo de Liñares inaugúrase mañá para albergar o Centro da Cultura Castrexa, o Museo Galego da Marioneta e o Arquivo Histórico do Deza
O presidente da Xunta, o director xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, o presidente da Deputación de Pontevedra, acompañarán, entre outras autoridades, ao alcalde de Lalín, José Crespo, e aos membros da Corporación, no acto de inauguración que dará comezo ás 20.00 horas, e que incluirá ademais das intervencións, e dun percorrido polas instalacións guiado polo arquitecto e director de obra Javier Bugallo, un espectáculo a cargo do monologuista Carlos Blanco e do humorista gráfico Luis Davila, para rematar cun concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño
Mañá venres, 19 de setembro, a partir das 20.00 horas, inaugúrase en Lalín o Pazo de Liñares, o “Versalles do Deza” e un dos máis representativos do barroco galego, unha vez que está rematado o proceso íntegro de rehabilitación que levou adiante o Concello, e cando xa está moi avanzado o proceso de convertelo nun contedor cultural multidisciplinar no ámbito galego que albergará proxectos senlleiros como o Centro da Cultura Castrexa, o Museo Galego da Marioneta, o Arquivo Histórico de Deza, o Museo dos Pazos ou a Sala Joaquín Loriga.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o director xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, Juan Van-Halen, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañarán ao alcalde de Lalín, José Crespo, e a unha ampla representación da Corporación no acto de inauguración desta casa solariega do século XVII, propiedade dos Taboadas e tesouro do barroco galego, onde naceu o pioneiro da aviación española e Fillo Ilustre de Lalín, Joaquín Loriga Taboada, e que foi frecuentado pola intelectualidade galega por figuras das letras como Emilia Pardo Bazán que o denominou “Palacio del Recuerdo” ou Ramón Cabanillas que o alcumou como “Florón de Terras de Deza”.
O acto inaugural que ten lugar no comezo das Festas de Lalín en honor á patroa Virxe das Dores, incluirá ademais das intervencións, a bendición das instalacións por parte do bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco; un percorrido guiado polas instalacións do Pazo da man das explicacións do redactor do proxecto e director de obra Javier Bugallo, para continuar cun espectáculo do monologuista Carlos Blanco e do humorista gráfico Luis Davila para rematar cun concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Máis de tres horas de actividades para inaugurar un Pazo de Liñares que será un contedor cultural de referencia para Galicia.
MONUMENTO HISTÓRICO
O Concello de Lalín adquiriu o Pazo de Liñares a Rafael Latorre Moraga a finais de 2002 por 677.841 euros. Despois dun longo e complicado proceso no que houbo que buscar fontes de financiamento e redefinir usos iniciais do inmoble, Liñares foi rehabilitado coa axuda que o Ministerio de Fomento concedeu do 1% cultural -para isto houbo que incoar expediente para declarar BIC a Liñares na categoría de monumento histórico, declaración que se obtivo no ano 2009- e tamén da colaboración prestada pola Xunta e pola Deputación de Pontevedra.
Remátase así unha obra complexa, das máis transcendentes para o municipio lalinense, unha actuación que se prolongou desde o 2002 coa adquisición do inmoble nun estado ruinoso ata o día de hoxe, coa restauración finalizada e a súa posta en marcha como contedor multidisciplinar de primeira orde.
Liñares, convertido en real morada por Alfonso XIII nas súas visitas -o Conde do Grove que viviu no Pazo foi preceptor do dito Rei- e fonte de inspiración dalgúns dos máis grandes autores das letras galegas, volve erguerse, décadas despois, e convertido en patrimonio de todos os lalinenses, como fonte de cultura, creatividade e de estudo e investigación.
Nos vindeiros meses este Pazo emprazado na parroquia de Prado (a uns 6 quilómetros de Lalín pola N-525) converterase nos vindeiros meses nun contedor cultural multiárea que será referente galego en temas como o estudo e catalogación da cultura castrexa ou, a recuperación e exhibición da tradición do teatro de títeres e marionetas, ademais de servir de acubillo para o Arquivo Histórico do Deza ou dunha exposición permanente de creación dalgúns dos mellores artistas plásticos dezaos nos máis de 2.000 metros cadrados de superficie que se conforman como un puzzle interrelacionado para aproveitar sinerxias e converter Liñares nun centro vivo de coñecemento.











