O Paro descendeu no Carballiño desde febreiro
Os datos de paro no municipio do Carballiño son máis que positivos, ao detectarse unha baixa constante desde o mes de febreiro até agosto, estando nestes momentos moi preto da cifra dos 1000 parados, igualando, e mesmo mellorando, os datos do ano 2011.
Nestes momentos a cifra de parados no Carballiño é de 1210, sendo o sector que máis parados rexistra o de traballadores maiores de 45 anos con 603. Pola contra o paro xuvenil rexistra cifras de 56 parados nos menores de 25 anos.
Por sectores, os que máis notaron a baixada do paro foron, a construción, cun 28,57%, e A industria cun 20,19% menos. Tamén é destacable o descenso entre os traballadores sen emprego anterior, cifrado nun 6,87% menos.
A estas cifras axudou en gran medida as accións desenvolvidas desde o concello do Carballiño, como foi a colaboración con varias empresas situadas na zona industrial, para a formación de traballadores, que logo foron contratados na súa gran maioría, ou as xestións realizadas para a implantación de novas empresas no polígono industrial, que tamén supuxo un aumento da contratación local.
Doutra banda a posta en marcha de obradoiros de emprego permitiu realizar accións de formación e contratación de traballadores nos últimos anos, sobre todo en sectores que tiñan máis complicado o atopar traballo.
Desde o concello do Carballiño apúntase a que a liña de traballo neste sentido vai ser a mesma, apoiando accións de formación, e xestionando a implantación de novas empresas no municipio para, desta forma, fomentar a contratación de traballadores no Carballiño, e ao mesmo tempo, ofrecendo novas posibilidades á implantación de empresas subsidiarias e negocios periféricos ao armazón industrial.











