O Obradoiro tira de fondo de armario para dobregar ao CB Sevilla
O Rio Natura Monbus Obradoiro sumou a sexta vitoria da pretemporada despois de vencer ao Club Baloncesto Sevilla nun partido moi disputado no que os galegos acabaron conseguindo a vitoria por un axustado 62-66. Jesús Chagoyen, que alternou xogando de interior e como terceiro exterior, foi o xogador máis destacado do encontro, con 11 puntos, sete rebotes, dúas asistencias e 17,5 de valoración.
Os dous equipos medíanse tras senllas vitorias no primeiro día de competición. O equipo santiagués, venceu o venres ao Benfica (61-96), mentres que o combinado hispalense impúxose ao Lighthouse Trapani (71-96). O Río Natura Monbus, coas baixas de Rafa Luz, por lesión, Pavel Pumprla, aínda rengueante despois do golpe recibido o día anterior e Alberto Corbacho, en Vitoria para participar no concurso de Triplos, foi de menos a máis no arranque do choque. Juanjo Triguero, tratou de ser referencia ante o seu ex equipo, pero foron os homes de Scott Roth quen golpearon primeiro (8-5, min. 5), elevados polo xoven Guillermo Hernangómez, con oito puntos e dous rebotes durante os primeiros minutos de xogo. Probou Fernández con dúas bases en pista, e o parcial de 5-0 estableceu as táboas á conclusión do primeiro cuarto (16-16).
O segundo continuou co mesmo ritmo anotador. Dous triplos do equipo andaluz e as réplicas de Adam Waczynski (10 puntos no ecuador do encontro) mantiveron a igualdade no luminoso (22-22, min. 14). Os pequenos parciais e a pouca continuidade nos dous contendentes foron a tónica habitual durante a primeira metade. Tentou escaparse o CB Sevilla, liderado entón polo beirado Derrick Byars, pero responderon Chagoyen e Kleber, ambos desde máis aló do 6,75, para voltear o resultado chegado o descanso (30-34).
Con tres homes altos – Kleber, Triguero e Chagoyen – empezou o Rio Natura Monbus Obradoiro a segunda metade. As ausencias coas que tivo que lidar o combinado galego obrigaron a Moncho Fernández a experimentar e introducir novas solucións, que terminaron por resultar efectivas. A eles sumouse Waczynski, para pór á Obra coa máxima renda do encontro até ese instante (36-45, min. 28). Non se deixou ir o CB Sevilla, que se aferrou ao choque apoiándose nunha falta antideportiva sinalada sobre Triguero. Os tiros libres, e o posterior triplo de Berni Rodríguez, volveron axustar o resultado (41-45, min. 29), pero de novo Adam, cunha canastra de tres, deixou en sete a vantaxe sobre o cadro hispalense coa que o Río Natura Monbus afrontaba o último cuarto.
Saíu disposto a pechar o partido o equipo galego, e con Nankivil e Pozas como anotadores, o Rio Natura Monbus superou por primeira vez a barreira dos 10 puntos (41-52, min. 33). Incansable, negouse a tirar a toalla o conxunto verdivermello, que buscou apertar o partido con triplos. Ademais, unha técnica sinalada a Moncho Fernández despois dunha discutida falta de Fran Cárdenas, deixou o encontro a lume vivo a pouco menos de cinco minutos para a conclusión (53-55, min. 35).
Amornaron ánimos os santiagueses, esporeados pola precisión de Waczynski, máximo anotador con 17 puntos, e o amorne de Triguero (15 puntos, 17 de valoración), Chagoyen e Cárdenas nos tiros libres. Pechou o partido e selou unha nova vitoria o Rio Natura Monbus despois de 40 minutos vibrantes. Mañá, ante o Lighthouse Trapani, o conxunto santiagués buscará proclamarse campión do “I Torneo Internacional” e completar o pleno de vitorias en pretemporada.
Club Baloncesto Sevilla 62: Radicevic (10), Thames (2), Byars (13), Porzingis (9), Hernagómez (13) – quinteto inicial – Urtasun (8), Oriola (0), Watts (0), Galllardo (0), Balvin (2) e Berni Rodríguez (5).
Río Natura Monbus Obradoiro 66: Pozas (8), Waczynski (17), Giannopoulos (0), Kleber (8), Triguero (15) – quinteto inicial – Miller (0), Cárdenas (4), Chagoyen (11) e Nankivil (2).
Árbitros: Sergio Silva, Jose Lopes, Rui Ribeiro.
Parciais: 16-16, 14-18, 11-14, 21-18.
Estadio: Fidelidade











