O obradoiro de emprego de A Laracha e Arteixo formará a 22 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+

O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego II xa está en marcha desde esta mañá, na que comezou a desenvolverse a parte teórica no novo edificio administrativo da Laracha. Durante os seis meses de duración do proxecto, once alumnos participarán no módulo de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, e outros once farano no de operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas.

Os alcaldes dos dous Concellos organizadores, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, a delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, e a Directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, presidiron o acto de inauguración desta acción formativa, tendo ademais a posibilidade de coñecer e saudar persoalmente aos alumnos e ao persoal do obradoiro.

Como anfitrión, o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, abriu a quenda de intervencións dándolles a noraboa tanto aos vinte e dous alumnos traballadores como ás cinco persoas que forman a dirección, equipo docente e apoio administrativo por formar parte do proxecto. O rexedor larachés salientou “a experiencia satisfactoria, tanto polo seu desenvolvemento como pola posterior inserción laboral, do anterior obradoiro de emprego que realizamos en colaboración co Concello de Arteixo”. Tamén agradeceu o apoio económico da Xunta de Galicia e a celeridade na realización do proceso de selección por parte dos técnicos de ambos municipios e da Consellería de Traballo e Benestar ao longo do mes de agosto, o que permitiu comezar a acción formativa xa no primeiro día de setembro. López Varela concluíu desexando aos participantes que “este obradoiro sirva de base para a vosa inserción laboral, porque ese é o obxectivo principal do programa”.

O seu homólogo de Arteixo, Carlos Calvelo, referiuse ao esforzo que se está a realizar desde as administracións para combater o desemprego, considerando que os obradoiros son unha das mellores ferramentas para os Concellos. Na súa intervención desexoulles aos alumnos “que estes seis meses sexan de proveito, aprendades e teñades éxitos laborais”.

A Directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, referiuse aos obradoiros de emprego como “un investimento, porque o que agardamos é que dentro de seis meses o proxecto non acabe, senón que comece algo nos alumnos que teña como fin a inserción laboral”. Como dato destacable afirmou que “o sesenta por cento dos alumnos de obradoiros de emprego en Galicia atoparon traballo como persoas contratadas e tamén coa creación de empresas e cooperativas”, asegurando que gran parte do outro corenta por cento non alcanzou ese obxectivo por causa do baixo rendemento do participante”. É por iso que pediu “a implicación dos alumnos”, animándoos a aproveitar “todos os recursos que os Concellos e a Xunta de Galicia porán á súa disposición”.

Por último Belén do Campo, delegada da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, felicitou aos dous alcaldes polo proxecto do obradoiro de emprego deseñado e tamén pola colaboración entre as dúas institucións. Considera que estes programas son unha das máis importantes accións de “política activa” que está a poñer en marcha a Xunta de Galicia, xa que ofrece “formación práctica e teórica en dúas especialidades novidosas con posibilidades reais de inserción laboral”. Ademais, lembrou que os alumnos que superen con éxito os seis meses de aprendizaxe recibirán “a certificación profesional correspondente, que é valida en Galicia e no resto do territorio español”.

A Xunta de Galicia investirá un total de 195.000 euros no obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego II.

1 de setembro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.