publicidade hoxe

O obradoiro de emprego “Conca do río Verdugo-Oitavén” comeza a funcionar na Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na Lama

Cores Tourís na Lama

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “Conca do Río Verdugo-Oitavén”, acompañado do alcalde da Lama, Jorge Canda, do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, así como do alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, así como a xefa territorial de Traballo e Benestar, María Peón.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta está a investir 177.700 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 220.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e en Forestal-Xardinería: un director, una titora, unha administrativa e tres monitores.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 26 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos titores e monitores dos dous cursos. Destacou o delegado territorial o feito de que no proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.
De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio formaranse 7 alumnos e en Forestal-Xardinería outros 13.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses nos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, de onde proceden as persoas que se formarán neste obradoiro. Así, darán servizo de atención sociosanitaria a persoas residentes no concello de Fornelos de Montes no seu domicilo. Ademais, tamén se levará a cabo o mantemento e mellora de zonas verdes do concello de Ponte Caldelas e da ruta de sendeirismo “Tralos pasos do río Xesta” da Lama.

No municipio de Ponte Caldelas, en concreto, levaranse a cabo labores de mantemento do complexo deportivo Chan de Barcia, os xardíns de Xerardo Carballal Morgade, a praza de Frai Antonio Orge, o paseo do Río, o parque do paseo Manuel Cordo Boullosa e a urbanización do edificio Sol. No caso da Lama, ademais, tamén se acondiconará a carballeira de Os Prados e se repoboará o polígono industrial de Racelo.

Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro de A Lama para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.
Pola súa banda, o alcalde da Lama, Jorge Canda agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto xa que cumpre varios obxectivos: por un lado formar a desempregados do concello; por outro darlles un traballo durante 6 meses e finalmente, axudarnos a desenrolar importantes obras municipais”.

Finalmente, o delegado territorial recordou que obradoiros como o de a Conca do río Verdugo-Oitavén estanse a desenrolar en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 2 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que poderán contar cun emprego nun momento de crise como o que estamos a vivir”.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha estes días un total de 53 obradoiros, que contarán cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldará os 1.300.

30 de setembro de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.