O novo estudio de detalle para a segunda fase do antigo Hospicio responde á necesidade de solucionar as deficiencias
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación do Concello de Ferrol, Guillermo Evia Pérez, aclarou hoxe os motivos que fan necesario o actual estudio de detalle para a rehabilitación da segunda fase do edificio do antigo Hospicio, ao tempo que respondeu ás críticas realizadas ao respecto por unha responsable do PSOE local. Guillermo Evia indicou que contesta a estas críticas “falando dende o respecto e o coñecemento que algunha persoa parece non ter ao tenor das súas declaracións”; e insistiu en que o novo estudio de detalle suporá a recuperación estética e a ampliación dos usos dotacionais para a parte do inmoble que fai esquina entre as rúas Méndez Núñez e María, á altura da praza de Amboage.
Guillermo Evia aclarou que o actual estudio de detalle do antigo Hospicio “non responde a un capricho nin a unha cuestión de gustos, senón á necesidade de paliar as deficiencias do estudio de detalle que no ano 2009 redactou o goberno socialista; e que non se puido tramitar nin aprobar porque non foron quen de rematalo e de corrixir as deficiencias das que advertiu a Comisión Asesora do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do barrio da Magdalena”. Así as cousas, que o novo estudio de detalle encargado polo departamento de Urbanismo “trátase dun documento necesario que soluciona as deficiencias do anterior e que o PSOE durante o seu mandato non foi capaz de rematar”.
Ademais, o concelleiro de Urbanismo referiuse ao cualificativo de “barbaridade” con que unha integrante da dirección socialista se referiu ao novo estudio de detalle da edificación. “Que barbaridade é o título dunha canción de Jaime Urrutia”, dixo o edil; asegurando que “a verdadeira barbaridade é o Estudio de Detalle que se redactou en 2009 e que non se puido aprobar por problemas legais”. Así mesmo, lembrou que para a elaboración do novo documento “respectouse ao mesmo equipo redactor a quen o executivo socialista adxudicoulle no anterior mandato o estudio de detalle”.
Por último, Guillermo Evia manifestou que “respecto profundamente a todos os técnicos que traballan para o Concello. Non se pode permitir que algunha persoa pretenda dar leccións de urbanismo sen coñecementos suficientes na materia a fin de sacar proveito político mediante a manipulación, en beneficio do seu interese, dun documento de planeamento”.











