O Museo de Pontevedra acolle un ciclo de conferencias conmemorativo do centenario do pasamento de Said Armesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Museo de Pontevedra acollerá a partir de mañá un ciclo de conferencias co que se pretende conmemorar o centenario do pasamento de Víctor Said Armesto, “figura esencial para entender o momento máis destacado da historia contemporánea de Pontevedra e de Galicia”, como é “o tránsito do século XIX ó XX”.

Así o puxeron de manifesto esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.

As actividades organizadas pola Deputación, que comezarán mañá, forman parte dun programa máis amplo que inclúe tamén actos na Coruña e Santiago de Compostela, e que se desenvolve en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza (depositaria de moitos fondos de Said Armesto, doados a esta entidade pola súa filla en 1992) e o Museo do Pobo Galego.

Said Armesto e a Sociedad Arqueológica

A relación de Said Armesto coa Sociedad Arqueológica, como estreito colaborador de Casto Sampedro, e a súa influencia na sociedade pontevedresa do momento é o tema que abrirá este ciclo de conferencias. Será cun relatorio titulado Pontevedra arredor da Sociedad Arqueológica, que pronunciará este martes, 16 de setembro, Carlos Valle no Sexto Edificio do Museo.

A este seguiralle o relatorio de José Antonio Durán sobre A singularidade dos Armesto na vida pontevedresa, que terá lugar no mesmo salón de actos do Sexto Edificio o mércores 17. Ó día seguinte, 18 de setembro, José Luis García-Velasco abordará a relación entre Said Armesto e a Pontevedra finisecular.

A semana pecharase coa presentación do documental Víctor Said Armesto, o resplandor efémero, de José Antonio Durán, que terá lugar o venres 19 de setembro.

As actividades continuarán a semana do 23 de setembro con outras tres conferencias: Os espazos de Víctor Said Armesto: ideoloxía, xerarquía e poder na arquitectura pontevedresa, a cargo de M.ª Ángeles Tilve Jar, o día 23; Pontevedra. O son da cidade nos inicios do século XX, por Luis Costa Vázquez, o día 24; e Said Armesto e Casto Sampedro, na procura dunha “ribeirana”, que pronunciará Carlos Villanueva o 25 de setembro.

As conferencias desenvolveranse no Sexto Edificio do Museo, ás 20:00 horas.

Música e exposicións

Para completar a conmemoración do centenario a Deputación organiza dous concertos, que terán lugar os días 27 e 30 de setembro, ás 20:00 h, no Sexto Edificio, e que correrán a cargo de Cántigas da Terra e de Iria Cuevas e Alejo Amoedo, respectivamente.

Trátase de achegarnos a outra das materias que centrou o interese de Said Armesto ó longo da súa vida, a música.

Non en van, tal e como sinalou Carlos Valle, este polifacético pontevedrés foi coautor, xunto a Casto Sampedro, do Cancionero musical de Galicia, que en 1911 resultou premiado pola Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

Ampla exposición

Carlos Valle e Ana Isabel Vázquez incidiron en que esta conmemoración pretende afondar nunha figura clave na historia de Pontevedra, que, non obstante, “non ten sido o suficientemente recoñecida”.

Vázquez Reboredo subliñou que se trata “dunha persoa excepcional, primeiro catedrático de literatura galego-portuguesa e autor polifacético”, que, malia a súa morte prematura, con tan só 43 anos, foi, en palabras de Carlos Valle, “un home de vastos coñecementos, moi precoz e que igual se interesaba por cuestións de literatura, de filoloxía, de historia, de filosofía, de música…”.

Para abarcar a ampla produción e o pensamento dunha figura moi relevante da cultura e do pensamento galego organizarase tamén unha completa exposición con fondos procedentes da Fundación Pedro Barrié de la Maza, da Universidade Complutense de Madrid, da Residencia de Estudantes e “de todos os centros nos que hai datos significativos da vida e obra de Said Armesto”.

A mostra terá carácter itinerante e exhibirase na Coruña e no Museo de Pontevedra, a onde chegará en 2015 para pechar os actos do centenario do pasamento de Said Armesto.

15 de setembro de 2014 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.