O mosteiro de Caaveiro recibiu a 18.201 turistas este verán
O Mosteiro de Caaveiro mellora os seus resultados de visitantes con respecto ao verán pasado. Se en 2013 se alcanzaron os 17.853 turistas entre os meses de xullo e agosto, nesta ocasión son 18.201 persoas as que visitaron o monumento propiedade da Deputación.
Destaca agosto, cando 11.029 persoas acudiron ao mosteiro. Os días de maior afluencia do mes pasado foron o sábado 16 con 570 persoas e o martes 19 con 560. No primeiro caso 230 apostaron polas visitas guiadas que se ofrecen e outras 340 preferiron visitar libremente o inmoble. O día 19 ata 240 solicitaron o servizo de guía.
En todo o que vai de verán, Caaveiro alcanza unha media de case 294 persoas por día. Delas, o 69% visita o monumento en días laborais e o 31% en fin de semana. Das 18.201 visitas deste ano, 11.513 optaron por coñecer pola súa conta o mosteiro (o 63%), e 6.688 fixérono con servizo de guía (o 37%).
Transporte gratuíto
Ademais, debido á afluencia de visitantes durante os meses de verán, a Deputación pon a servizo dos turistas un servizo de transporte que, como novidade este ano, incorporou unha nova saída dende o municipio da Capela. Optaron por este novo punto de partida 201 persoas, fronte ás 6.704 que aínda se decantan por iniciar a ruta dende o centro de recepción de visitantes das Fragas do Eume.
Os autobuses que saen da Capela fan un percorrido de ata catro paradas coas que se pode acceder dende calquera delas. A primeira é no portal de Estoxa, onde se proporciona información aos turistas sobre as posibilidades das visitas. Despois o autobús detense no museo etnográfico, onde se pode iniciar a ruta ao Mosteiro de Caaveiro polo Pazo. Unha terceira parada sería no parque etnográfico e a terceira no aparcamento da Ventureira, especialmente útil para os que chegan ata A Capela en coche, xa que aquí poden deixar estacionado o seu turismo.
Esta incorporación ofrece unha nova alternativa para evitar que todos os turistas teñan que dirixirse a Pontedeume. Neste caso, as saídas de buses comezan ás 10 da mañá (saída das Neves) e rematan ás 19 horas.
No caso das Fragas, os vehículos parten cada hora aproximadamente dende as 10.30 da mañá do centro de interpretación e o último autobús sae ás 20.00 horas. Outras posibilidades nestas datas, nas que se prohibe o acceso en coche particular, son as bicicletas ou subir a pé, xa que hai moitos camiñantes que apostan tamén por esta opción.
O servizo de transporte gratuíto manterase aínda ata o 14 de setembro.











