O monologuista David Guapo ensinar a conxugar o verbo “frunjir” en Vilagarcía
O xénero do monólogo de humor regresa este outono ao Auditorio e faino cun dos showmans máis xóvenes do panorama nacional. David Guapo visita o domingo, 12 de outubro, o Auditorio Municipal para ensinarlles aos vilagarciáns a conxugar o verbo “frunjir” a través do espectáculo titulado “Que no te frunjan la fiesta”. As entradas xa están á venta.
David Guapo saltou á fama coas súas intervencións no programa de televisión “Se lo que hicistéis”, no que amosaba o seu característico humor a través de monólogos que remataba con peculiares cancións sobre o tema a tratar e que el mesmo acompañaba musicalmente tocando a guitarra.
A súa frescura e orixinalidade levouno a ser un dos últimos fenómenos do Club de la Comedia, a participar en numerosos programas de televisión e mesmo a saltar aos escenarios poñendo en escena por toda España un espectáculo no que exhibe a súa mesma esencia e que leva por título “Que no te frunjan la fiesta”. Con el chega a Vilagarcía prometendo hora e media de risas e diversión, música e improvisación na que o monologuista dará a súa particular visión sobre a cara máis divertida das cousas do día a día de calquera persoa e tamén de aqueles temas de actualidade que máis dan que falar. E todo iso, facendo partícipe ao público dun espectáculo que que leva xirando case dous anos por todo o territorio nacional e sembrando éxito alá por onde pasa.
Máis barata a entrada anticipada
As entradas para asistir a este espectáculo pódense adquirir por 15 euros de xeito anticipado a través da web servinova.com e da billeteira telefónica 902 504 500. Tamén se poderán comprar na billeteira o día da función a partir das 18:30 horas, neste caso ao prezo de 18 euros. Haberá unha única función, o domingo 12 de outubro ás 20:30 horas.











