O III Torneo de Hockey sobre Patíns Cidade de Ferrol disputarase os días 4 e 5 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o III Torneo de Hockey sobre Patíns Cidade de Ferrol, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro no pavillón do Ensanche, en horario de mañá e tarde. A edil ferrolá estivo acompañada pola representante do Club Compañía de María Hockey Ferrol, Paula Arbe, equipo organizador do evento deportivo xunto co Concello de Ferrol.

Este evento deportivo congregará na cidade naval a 10 equipos galegos e serán cinco as categorías que se disputarán na terceira edición do torneo: prebenxamín, benxamín, xuvenil, júnior e sénior. Martínez Galdós destacou que esta cita deportiva “alcanza a súa terceira edición co obxectivo de afianzarse como unha das competicións de referencia previas ao arranque da Liga autonómica nas diferentes categorías”. Así mesmo, quixo felicitar ao club Compañía de María Hockey Ferrol “que naceu en 2011 con moita forza e co obxectivo claro de promover o deporte de base”. Neste senso, o club ferrolán presentará esta tempada tres equipos federados, un prebenxamín e dous en benxamín, que competirán na Liga autonómica.

Pola súa banda, a representante do Club Compañía de María Hockey Ferrol, Paula Arbe, apuntou que os equipos que competirán serán o CM Hockey, Compañía de María A Coruña, Dominicos Coruña, A.P.G Ponferrada, H.C. Riazor, A.C. Ordes, H.C. Cambre, H.C. Borbolla e o Lubiáns Carballo. Así, explicou que o campionato comezará o sábado 4 coas semifinais da categoría prebenxamín, e se clausura o domingo ás 19:00 horas co encontro entre os júnior do H.C. Liceo e Compañía de María. Ademais, a representante do CM Hockey Ferrol sinalou que a escola do club mantén aberta a inscrición para todos o pequenos, entre 4 e 8 anos, que queiran iniciarse no hockey sobre patíns.

30 de setembro de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.