O goberno vigués precisa que o único requirimento que ten é sobre o nomeamento dun alto cargo
O goberno local de Vigo precisou este xoves, tras coñecerse que o Tribunal de Contas está a investigar un “problema de persoal” na administración municipal, que “o único asunto” do que ten coñecemento como requirimento deste órgano é información do nomeamento dun alto cargo.
Este xoves, o fiscal xefe do Tribunal de Contas, Olayo Eduardo González, confirmou que este tribunal está a investigar a verosimilitude dunha denuncia anónima relacionada co ámbito de persoal no Concello, aínda que precisou que non ten nada que ver coas acusacións de enchufismo levadas á Fiscalía por unha plataforma cidadá.
En relación a esa cuestión, inicialmente e a través de dous comunicados, o Concello sinalara que non tiña coñecemento oficial de ningunha investigación, pero ofrecía a súa colaboración e disposición a achegar a información que lle fose solicitada.
Pouco despois, nun terceiro comunicado, o goberno local vigués precisou que, en efecto, existe un requirimento de información por parte do Tribunal de Contas, en relación co nomeamento dun alto funcionario do Concello.
A ese respecto, precisou que este alto cargo foi nomeado pola Xunta de Galicia (a proposta do Concello), e que as cuestións relativas ao seu nomeamento xa foron “debidamente contestadas”. Por tanto, o goberno local está “á espera de resolución administrativa”.











