O goberno pontevedrés explica os datos do contrato de uso da praza de touros para actividades municipais
O Concello de Pontevedra fixo público hoxe os datos do custe do contrato que mantén cada ano coa empresa propietaria da praza de touros, que demostran que o Concello só paga polo uso anual desta instalación para o desenvolvento das actividades municipais, e fora deste contrato quedan as subvencións polos espectáculos taurinos ou as semanas culturais taurinas que se viñan financiando integramente con cartos municipais até o ano 1999.
Segundo explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na actualidade este contrato é beneficioso para as arcas municipais, e polo tanto para os pontevedreses, e é imprescindible para realizar algunhas actividades que sen esta instalación non se poderían realizar.
Carme da Silva explicou que até 1999, o Concello financiaba todas as actividades taurinas tanto subvencionado as corridas de touros como a semana cultural taurina. Ademais, pagaba unha cantidade polo uso da praza para desenvolver actividades municipais neste recinto. No ano 1999 o Concello pagou 9 millóns de pesetas: 4 millóns de pesetas polo uso da praza para actividades municipais, 5 millóns de pesetas de subvención ás touradas, e unhas 200.000 pesetas para a semana cultural taurina, ademais do uso de distintas instalacións municipais para este fin.
No ano 1999, cando o BNG entra no Goberno Local, tómase a decisión de deixar de financiar calquera actividade vinculada cos touros. Aquel ano, a financiación xa estaba comprometida, pero no ano 2000 só se pagou polo uso da praza, ben por actividades que pode realizar o Concello na praza, ben porque as fan asociacións en colaboración co Concello, ou ben porque o Concello lle cede o dereito de uso (en virtude deste contrato) a distintas entidades ou asociacións do concello. Así en 1999 pagáronse 54.000 euros, e no 2000 pagáronse 24.000 euros.
Carme da Silva indicou que o servizo de Festas fixo unha simulación do gasto que suporía, dende 2000 até 2014, as distintas actividades que o Concello desenvolve na praza de touros, en función das necesidades de cada unha das actividades como gradas, valados, peches, camerinos, establos, baños, xeneradores… De non ter a praza de touros serían precisos arredor de 3.049.000 euros. Coa praza de touros, o pago foi de 663.000 euros. É dicir, existe un aforro de 2.472.964 euros.
En base a estes datos, a concelleira concluiu que “este aforro demostra que este contrato é claramente beneficioso para os cidadáns, para realizar os distintos tipos de actividades que se fixeron durante todos estes anos na praza como a ruta cabalar, partidos de volei praia, rubgy praia, balomán praia, montaxe dos antroidos, montaxe das cabalgatas, loita libre americana, magostos, congresos de veterinaria, Feira Franca dende que existe o torneo medieval e concertos como Bisbal, Elton John, Sabina e Serrat…”
Ademais, a concelleira indicou que se lle solicitou un orzamento a unha empresa colaboradora habitual do Concello neste tipo de eventos para a instalación dunha grada de 6.000 persoas e o orzamento supera os 165.000 euros.
Polo tanto, o concrato que o Concello mantén na actualidade coa praza de touros permite realizar eventos ou actividades que de non existir quela instalación, serían de difícil realización ou, simplemente, non se poderían facer.
Ademais, a concelleira explicou que non se poden facer futuribles sobre o contrato, dado que o vindeiro ano hai eleccións municipais e no caso de que o BNG siga na Alcaldía “negociará sempre en función dos intereses do Concello, pero pode ser que nas próximas eleccións gañe a Alcaldía unha forza de obediencia estatal que decida volver a financiar as touradas e, polo tanto, a cousa cambiaría”.











