O goberno galego destinou máis de 2 millóns euros ás novas instalacións da lonxa de Portonovo
A Xunta destinou 2.014.310 euros ás novas instalacións da lonxa de Portonovo, que hoxe visitou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Estes fondos foron xestionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Pesca nun 75%.
Segundo destacou a conselleira, grazas a esta reforma, que inclúe unha zona de visitas, a lonxa é máis accesible á cidadanía, en concreto aos turistas que desexen coñecer parte da cultura mariñeira do municipio de Sanxenxo. É dicir, sinalou, impulsa a convivencia entre o turismo e a actividade das instalacións sen alterala e mellora a imaxe do conxunto do porto.
Ademais, engadiu, é unha instalación máis moderna e que fai uso das novas tecnoloxías, pois conta cun sistema de poxa automático, que favorece o traballo dos profesionais do mar. Outra das vantaxes das novas instalacións é o sistema de iluminación a través de luminarias LEDs, o que favorece a eficiencia enerxética logrando un importante aforro no consumo eléctrico.
Instalacións da lonxa
O edificio da lonxa ten forma rectangular e de dimensións 62,95 x 29,84 metros e unha superficie construída en planta de 1.878,40 m2. Intégrano tres áreas diferenciadas. Unha dela é a de lonxa, formada pola sala de poxas, a cámara frigorífica e o sistema de poxas automatizado, as oficinas dos servizos veterinarios e as instalacións de servizo (salas de comiso e de residuos).
A segunda zona é a área de xestión e servizos de lonxa, formada polas oficinas de lonxa, os vestiarios para o persoal da lonxa e a zona de almacén de materiais e equipos, cuartos de instalacións e sala multiusos. A terceira está composta polos locais de servizo da actividade na lonxa e portuaria que inclúen a oficina de Portos de Galicia, os servizos xerais e o acceso á cafetería.











