O goberno galego colabora coa Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina
A Xunta colabora coa Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina,URNWA, cun proxecto de apoio psicosocial para as vítimas da “Operación Edge” da Franxa de Gaza.
O obxectivo da colaboración é reducir o impacto psicolóxico da Operación Protective Edge na poboación gazatí, paliando os efectos psicolóxicos a través da atención psicosocial especializada, cunha axuda de preto de 20.000 euros.
A Xunta colabora coa UNRWA desde o ano 2010, no que se asinou un Memorando de entendemento para levar a cabo proxectos de cooperación e axuda humanitaria que contribuísen a mellorar as condicións de vida dos refuxiados palestinos. Nestes anos leváronse a cabo distintos programas de axuda e seguridade alimentaria e compensación alimentaria escolar, para os que o Goberno galego achegou 100.000 euros.
A ultima destas axudas foi o pasado mes de maio para a provisión de alimentos a refuxiados da Franxa de Gaza, co obxectivo de reducir o impacto do bloqueo sobre as familias refuxiadas máis vulnerables da Franxa de Gaza, mediante a mellora da seguridade alimentaria da poboación e dando acceso a alimentos de primeira necesidade a 254 familias.
Estas axudas enmárcanse dentro da Lei 3/2003, do 19 de xuño de cooperación para o desenvolvemento, que recolle a axuda humanitaria e de emerxencia como un dos instrumentos de cooperación, recoñecendo coma prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados.
Ademais, o III Plan Director da Cooperación Galega identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación e establece a necesidade de promover a presenza da cooperación galega na acción multilateral.











