O goberno ferrolá da luz verde á proposta de mellora do pavillón polideportivo da Malata e de Aquaciencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a concelleira de Educación e Deportes, Susana Martínez Galdós, informaron hoxe da aprobación das obras de conservación e mellora de dúas instalacións municipais de carácter lúdico e deportivo. Este foi un dos temas principais acordados na Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá na Casa Consistorial. O primeiro edil da cidade explicou que esta actuación centrase no pavillón polideportivo da Malata e no equipamento didáctico Aquaciencia, situado no parque Raíña Sofía.

Jose Manuel Rey manifestou que o pavillón de A Malata “careceu de conservación ao longo do máis de 30 anos que ten de vida”, ao tempo que apuntou que os traballos inclúen a reparación integral da cuberta, o reforzo da estrutura de formigón, a instalación dun falso teito e actuacións de pintado do mesmo. En canto a Aquaciencia, o proxecto consiste na reparación dos catorce aparellos científicos que ten o parque, os sendeiros, os bancos e a sinalización. Neste senso, o rexedor ferrolán destacou que estes traballos de mellora en Acuaciencia “supoñen o colofón da posta en valor feita nos últimos tres anos no parque municipal Raíña Sofía”. O proxecto de conservación e mellora destas dúas infraestruturas municipais aprobado esta mañá polo Executivo local ten un importe total de 320.640,79 euros, do que se espera obter un 80% de financiamento por parte da Deputación Provincial da Coruña.

Traballos de asfaltado e pintado

O primeiro edil da cidade tamén informou que hoxe comezaron os traballos de asfaltado dunha trintena de rúas e vías do municipio, dos que se ocuparán dúas cuadrillas. Jose Manuel Rey recalcou que a trintena de actuacións programadas polo Goberno Municipal que preside “permitirán que nas próximas semanas os diferentes barrios da cidade presenten un mellor estado”. Así mesmo, avanzou que na xornada de mañá tamén comezará a traballar a cuadrilla encargada do pintado e sinalización de viarios. O investimento global neste programa ascende a 1,2 millóns de euros.

29 de setembro de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.