O goberno de Ourense retrotrae a tramitación dos orzamentos
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá retrotraer a tramitación do expediente para a aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Ourense para o exercicio 2014 á fase de aprobación inicial pola Xunta de Goberno Local e trasladar este acordo á Intervención Municipal ao obxecto de que proceda á súa fiscalización con carácter previo ao seu novo sometemento para a aprobación pola Xunta de Goberno Local.
Con estes acordos, o goberno municipal avanza nos pasos destinados a aprobación do documento orzamentario por parte da Xunta de Goberno Local, tal e como anunciara este luns o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Facenda, José Ángel Vázquez Barquero.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou os plans de seguridade e saúde dos proxectos de obras de urbanización do vial de acceso ao barrio do Cuco e das obras de rehabilitación de firme en varios tramos da rede viaria da cidade: Avenida da Habana, rúa Ramón Cabanillas e zoas puntuais da rúa Prado de Lonia, Xoan XXIII, rúa Concejo e rúa Curros Enríquez. Dúas obras que veñen de ser adxudicadas por parte do Concello e que suporán un investimento conxunto de 350.000 euros.
A construción do novo vial de acceso ao barrio do Cuco foron adxudicadas á empresa Construcciones Boalva S.L e suporán un investimento de 262.080 euros por parte do Concello, que permitirá resolver os problemas que hoxendía teñen os veciños e as veciñas do barrio do Cuco para acceder ás súas vivendas, a través dunha pendente que nalgúns puntos ronda o 35%. Trala actuación, a pendente de acceso creada terá unha pendente dun 12%. Neste barrio viven actualmente unhas 100 persoas, en 40 vivendas.
As obras de rehabilitación de firme en varios tramos da rede viaria prevén a mellora do firme en senllos tramos da Avenida da Habana (comprendido entre Curros Enríquez e a Praza de Concepción e Arenal), e da rúa Ramón Cabanillas (entre Bedoia e a Avenida da Habana) e a realización de melloras puntuais do firme nas rúas Prado de Lonia, Xoán XXIII, Concello e Curros Enríquez. As obras foron adxudicadas a Fevisa Vías e Obras S.L, por un importe total de 88.330 euros.











