publicidade hoxe

O goberno de Oleiros presentará unha moción para declarar as bibliotecas públicas exentas do pago por préstamo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O grupo de Goberno do Concello de Oleiros presentará esta tarde unha moción na que reivindica a importancia das bibliotecas públicas na nosa sociedade e nas que insta ao Goberno central que declare a todas as bibliotecas públicas municipais exentas do pago por préstamo, atendendo á posibilidade recollida no artigo dunha directiva europea sobre dereitos de aluguer e outros dereitos afíns aos dereitos de autor no ámbito da propiedade intelectual.

Do mesmo xeito, o Grupo de Goberno manifesta nesta moción o seu rexeitamento e desconformidade co establecemento dunha taxa por préstamo en bibliotecas públicas, unha taxa por número de usuarios efectivos do servizo de préstamo e unha taxa por número de obras adquiridas anualmente para tal efecto por cada establecemento mentres non se pode aplicar o pago por préstamo e insta ao Goberno de España a derrogar o decreto do mes de xullo no que regula este pago.

No argumentado texto o Goberno defende que as bibliotecas públicas cumpren unha función de difusión da cultura e o pensamento, garanten o dereito de todos á información, á cultura e á educación, á igualdade de oportunidades, á formación e consolidación dos valores democráticos, ademais de defender a liberdade de expresión. A principal función das bibliotecas públicas é impulsar o hábito da lectura, e ese é o mellor servizo que poden ofrecer á cultura e aos autores.

A lectura é un ben e un dereito público que non debe estar suxeito a límites nin restricións de ningunha clase. Este canon supón introducir unha lóxica mercantil nun servizo público como a biblioteca. Non é ético, e ademais é inxusto, que o sector privado, é dicir, as entidades de xestión, cobren un imposto ao sector público. No canon por préstamo, dáse a contradición de que canto máis e mellor traballa unha biblioteca, canto máis presta, cantos máis usuarios ten, máis diñeiro ten que pagar.

A biblioteca pública é unha defensora da cultura, garantía do acceso a todos os cidadáns ao seu patrimonio cultural e animadora da creación literaria, é un lugar privilexiado para o encontro dos autores/as cos seus lectores e ten un papel activo na construción dunha sociedade mellor. A función social da biblioteca está en poñer ao alcance da poboación máis desfavorecida economicamente o acceso á cultura e á información.

25 de setembro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.