O goberno de Ferrol propón un paquete de medidas para a regularización do barrio de Recimil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía, Facenda e Patrimonio do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta esta mañá do borrador de estudo que recolle a información do censo do barrio de Recimil elaborado polo departamento municipal que dirixe, así como diferentes propostas abertas para darlle prioridade á normalización da situación dos residentes históricos nesta barriada. O edil ferrolá presentou hoxe este documento na comisión informativa da Área “para dar solución ao presente e futuro do barrio a través do consenso de todos os grupos municipais, de aí que se trate dunha proposta aberta para a que pido as achegas do resto de partidos”, dixo.

O estudo de Patrimonio recolle un total de 913 vivendas censadas en Recimil. Desta cifra total de inmobles, 475 pertencen a residentes con contrato en vigor e en 179 habitan os residentes históricos –aquelas persoas que viviron toda a vida en Recimil e/ou son familiares de persoas con contrato-. Así mesmo, o censo rexistra 120 vivendas con inquilinos en situación irregular e outros 139 inmobles con contrato pero sen uso por parte do seu titular. Así as cousas, a proposta que esta mañá trasladou á oposición o edil de Economía pasa por regular –de maneira prioritaria- a situación dos residentes históricos. Este grupo de veciños terán que acreditar, no seu momento, non ter outra vivenda en Ferrol nin en propiedade nin en aluguer, non ter demandas por mala convivencia con veciños, e realizar a presentación de documentos como o DNI ou o Libro de Familia, entre outros. O estudo elaborado pola Área de Patrimonio propón que os residentes nestas vivendas accedan ao aluguer das mesmas. Neste sentido, e aplicando as bonificacións correspondentes a cada situación particular, o prezo do aluguer oscilaría entre un máximo de 112,50 euros mensuais –no caso de ingresos superiores a 1.331,28 euros ao mes- até os 28,13 euros ao mes que pagarían polo aluguer persoas ou unidades familiares con ingresos inferiores a 532,51 euros-. En calquera caso, Langtry Caínzos avanzou que a actualización das rendas antigas será a última fase dentro da proposta de normalización. Neste senso destacou que se aplicarán medidas flexibles que terán en conta os ingresos de cada residente.

No que atinxe aos 160 inmobles con contrato en vigor pero sen uso polo seu titular -139 vivendas e 21 locais-, Langtry Caínzos explicou que “cómpre facer un estudo de cada caso para ver se poden ou deben recuperar e poñer de novo no mercado para o seu aproveitamento”.

Por último, o edil de Economía explicou que para levar a cabo este programa se deberá traballar de maneira coordinada coa entidade veciñal. Ademais, avogou pola creación dunha comisión para supervisar o proceso en que terán presenza diferentes departamentos municipais –Patrimonio, Benestar, Obras- e tamén a Asociación de Veciños.

9 de setembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.