O goberno de Ferrol asina convenios de colaboración cunha trintena de entidades veciñais
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá os convenios de colaboración coas asociacións de veciños do termo municipal para a concesión de subvencións por concorrencia competitiva correspondentes ao presente exercicio de 2014. No acto, que tivo lugar no patio interior do Centro Cultural Torrente Ballester, tamén estiveron presentes a concelleira de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, e os representantes das diferentes entidades veciñais.
O primeiro edil explicou que os acordos engloban achegas para o gasto do subministro de enerxía eléctrica dos locais sociais e para promover actividades e programas que fomenten as relacións veciñais e melloren a calidade de vida dos ferroláns. Jose Manuel Rey destacou que como o pasado ano se inclúe a posibilidade de destinar até o 30 % da achega en pequenos arranxos e mantementos en ditos inmobles. Os convenios asinados esta mañá servirán para o financiamento de actividades culturais, deportivas, de convivencia, lúdicas, de ocio e obradoiros, como por exemplo: ximnasia, ioga, música, danza, xogos tradicionais, conferencias…
O importe global do acordo é de preto de 90.000 euros. Nesta cantidade están incluídos os gastos de subministración de enerxía eléctrica en sete entidades veciñais que até a chegada do actual Goberno Municipal tiñan que abonar este consumo, o que supoñía unha discriminación co resto de asociacións que abona a tarifa o Concello.
Así mesmo, cada agrupación veciñal tan a posibilidade de destinar até o 30% do montante global da achega municipal a pequenas intervencións de mellora nos locais sociais. O resto da contía está destinada á programación de actividades.











