O Goberno da Coruña conxela os impostos para 2015 por cuarto ano consecutivo
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Goberno municipal decidiu conxelar as taxas, impostos e prezos públicos para 2015 por cuarto ano consecutivo. Como ocorreu durante todo este mandato, o Concello nin sequera aplicará o IPC, que desde 2011 se incrementou ao redor dun 7,5%, unha medida complementaria que permite aforrar máis 10 de millóns de euros aos coruñeses.
“Dentro do compromiso adquirido por este equipo de goberno, non imos subir os impostos municipais en 2015 por cuarto ano consecutivo, nin sequera se subiu o IPC nestes catro anos, polo que non só se conxelaron os impostos neste mandato, senón que tecnicamente baixaron”, afirmou o alcalde, quen destacou que en 2015 afianzarase o equilibro entre o blindado do gasto social e garantir a calidade dos servizos municipais sen aumentar os impostos. “Somos a cidade máis solidaria de Galicia, que máis recursos achega á área de Servizos Sociais, e a cidade con máis investimento, o triplo que a segunda en Galicia que máis inviste”, engadiu.
Carlos Negreira tamén adiantou que o Goberno municipal, a través da Concellaría de Economía e Facenda, traballa na elaboración dos orzamentos de 2015 para -como sucedeu ao longo deste mandato- que se aproben en tempo e forma e entren en vigor a partir do próximo 1 de xaneiro.
O alcalde lembrou que o Concello goza de boa solvencia financeira se se compara A Coruña co ranking das 63 cidades de máis de 100.000 habitantes, onde A Coruña se atopa entre as dez urbes con menor débeda por habitante. Así, a débeda actual é de 319 euros por coruñés, case a terceira parte da existente na media nacional das urbes de máis de 100.000 habitantes, que se sitúa nos 883 euros por cidadán.
SERVIZO DE SOCORRISMO
Carlos Negreira tamén anunciou que a Concellaría de Seguridade Cidadá chegou a un acordo coa Federación Galega de Salvamento e Socorrismo para ampliar o servizo de socorrismo até o 30 de setembro a custo cero para as arcas municipais, pois a segunda quincena deste mes compénsase cos días de inactividade por mal tempo que existiron durante a tempada oficial de baño, iniciada o pasado 15 de xuño.
“É un moi bo acordo coa Federación Galega de Salvamento e Socorrismo porque garantimos que haberá servizo de socorrismo se vén bo tempo nos últimos 15 días de setembro”, sinalou o alcalde, quen aproveitou para felicitar ao servizo de socorrismo polo labor desempeñado durante este verán.
O dispositivo especial acordado polo Concello e a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo para a segunda quincena de setembro estará activo todos os días de 12.00 a 20.00 horas, con 2 patróns, 8 socorristas, 1 ambulancia coa dotación actual e 1 coordinador para a ensenada de Riazor-Orzán-Matadoiro; 2 patróns-socorristas na praia de Oza; e outros 2 patróns-socorristas en San Amaro.
PASEO MARÍTIMO
A Concellaría de Infraestruturas empezará, entre finais de setembro e os primeiros días de outubro, a remodelación da quinta fase do paseo marítimo, no tramo entre a rúa Pondal e a Coraza, tal e como informou o alcalde, cumprindo así o compromiso do Goberno municipal de arrincar as obras tras o verán.
O Concello inviste 668.525 euros -un 21% menos, é dicir, un aforro de 178.732 euros menos do que se estableceu na licitación, á que se presentaron 21 propostas-. Cun prazo de execución aproximado de 10 meses, o novo proxecto axústase ao concurso de ideas para a renovación do bordo litoral, unha convocatoria á que se presentaron 83 propostas e da que se concluíu que era necesario achegar o peón á praia; mellorar a perspectiva visual desde o paseo; e aproveitar espazos singulares como a Coraza.
Esta nova fase do proxecto inclúe a solución graduada en forma de miradoiro para salvar o desnivel actual entre o paseo e a praia en lugar da varanda. Os novos tramos de bancada estarán ancorados ao muro do paseo e cumprirán unha dobre función: mellorar a accesibilidade ao areal e como zona de estancia para goce da praia por parte dos cidadáns.
O Concello xa traballa nunha nova fase de remodelación do paseo marítimo entre a Fonte dos Surfeiros e o Aquarium Finisterrae. O alcalde explicou que se atopa na fase de redacción de anteproxecto, o que permitirá mellorar e reformar este tramo do bordo litoral polo que transitan miles de coruñeses.
SEGURIDADE SOCIAL
O alcalde tamén avanzou que as afiliacións á Seguridade Social na Coruña medrou no mes de agosto un 2,22% respecto ao mesmo mes do ano pasado, o que supón contar con 2.705 máis. En comparación co mes de xullo, na cidade tamén se produciu un incremento do 0,5%, con 618 afiliados máis.
Carlos Negreira sinalou a importancia de continuar na senda das políticas activas de emprego impulsadas desde o Concello, pois no que vai de ano os afiliados aumentaron nun 2,92%, con 3.527 máis.











