O goberno coruñés concede un 32% máis de bolsas comedor que no curso pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou esta mañá de que o Concello da Coruña incrementa, un curso máis, o número de bolsas de comedor concedidas grazas ao esforzo investidor e á eliminación, de novo, das listas de espera: “Para este novo curso académico concedéronse un 32% máis de bolsas, o que supón un incremento, con respecto ao curso 2010-2011 de case o 93%”, destacou.

Durante 2014-2015, un total de 928 nenos e nenas poderán beneficiarse desta importante axuda coa que o Goberno local aposta por favorecer hábitos saudables entre os menores a través dunha dieta equilibrada, á vez que apoia ás familias con problemas para conciliar a vida laboral e persoal.

Tal e como explicou Miguel Lorenzo, pasouse das 703 bolsas concedidas o pasado curso ás 928 do actual e atendeuse ao 100% das solicitudes das familias que cumprían os requisitos, polo que non hai lista de espera nas Bolsas Comedor, coherentemente co establecido por esta Concellaría no ámbito do Servizo Municipal de Axuda a Domicilio, da Teleasistencia Domiciliaria, do Talón Restaurante ou doutros programas.

“Grazas á aposta deste Goberno local, que ano tras ano incrementa o orzamento destinado a Servizos Sociais, estamos en condicións de garantir que ningún neno nin ningunha familia que cumpra os requisitos se vai a quedar sen bolsa comedor. Como sempre dixemos, se fose necesario un maior orzamento consignaríase. A nosa prioridade son as familias”, sentenciou e informou de que o orzamento para este curso que comeza incrementouse un 8% ao aumentar en 45.000 euros con respecto ao ano pasado e alcanzar os 595.000 euros.

O concelleiro explicou que o número de nenos e nenas que recibirán unha bolsa de até 98 euros mensuais incrementouse un 58% con respecto ao pasado curso, mentres que os nenos que recibirán unha bolsa de até 75 euros ao mes aumentou un 23%: “As axudas adxudícanse segundo as necesidades de cada familia e en base a criterios que teñen que ver coa situación familiar, social e laboral dos pais, a situación económica da unidade familiar e a situación social do menor. Ademais este ano outorgouse maior puntuación ás familias numerosas”, aclarou.

Miguel Lorenzo lembrou que se mantén a principal novidade do curso pasado de ampliar esta axuda aos menores que cursen Bacharelato e ciclos de grao medio de Formación Profesional. Deste xeito, as bolsas nos comedores escolares destínanse ás unidades familiares con menores ao seu cargo en segundo ciclo de Educación Infantil; Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato ou ciclos de grao medio de Formación Profesional, con domicilio na Coruña e que cursen os seus estudos en centros públicos ou concertados do termo municipal con servizo de comedor: “Desta forma cubrimos a todos os menores que o necesiten, entre os 3 e os 18 anos”, concluíu.

1 de setembro de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.