O goberno coruñés analiza as 17 propostas presentadas para a reforma de Adelaida Muro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un total de 17 propostas optan á reforma da rúa Adelaida Muro, licitada polo Concello da Coruña e cun investimento máximo de 449.482 euros por parte da Concellaría de Infraestruturas. Esta obra enmárcase dentro do plan municipal de modernización e recuperación de espazos públicos e que, unha vez se adxudique, ten un prazo de execución de 5 meses.

O Concello analiza agora as 17 propostas presentadas a este proxecto de remodelación da rúa Adelaida Muro que inclúe a renovación do pavimento do tráfico rodado e a substitución da baldosa hidráulica actual que se atopa moi deteriorada por outra granallada. En total, actuarase sobre preto de 2.700 metros cadrados: 1.587 metros cadrados de beirarrúa e 1.098 de calzada. O departamento municipal que dirixe Martín Fernández Prado tamén aproveitará estas obras para cambiar a totalidade da rede de augas residuais e para instalala canalización de pluviais, pois actualmente non existe.

Esta nova intervención urbanística nace do compromiso do actual equipo de goberno de homoxeneizar os espazos públicos da cidade, polo que na reforma da rúa Adelaida Muro utilizaranse os mesmos criterios que se empregaron noutras vías que xa se rehabilitaron tanto neste barrio de Monte Alto como noutras zonas da Coruña.

3 de setembro de 2014 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.