O Fifty faise co XXIX Trofeo Príncipe de Asturias en Baiona

Entrega do trofeo á tripulación do Fifty
O Fifty do portugués Rui Ramada e grímpola do Monte Real Club de Iates fíxose coa vitoria no XXIX Trofeo Príncipe de Asturias na categoría dos grandes barcos. Levou tamén o premio do Segundo Circuíto Atlántico de Cruceiros, un galardón que a tripulación recibiu de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A última proba da competición, disputada este domingo, foi decisiva para deseñar os podios de boa parte das clases. A falta de vento volveu ser a protagonista da xornada, obrigando a atrasar o bocinazo de saída e a recortar algúns dos percorridos.
Na clase dos ORC 1 alzouse vencedor o Fifty de Rui Ramada, con grímpola do Monte Real Club de Iates. O segundo e terceiro posto foron para os Aceites Abril, de Luís Pérez Canle, que competiu polo RCN Vigo e para o Xekmatt de José Carlos Prista, da Asociación Naval de Lisboa.
O Movistar de Pedro Campos, que nesta ocasión patroneou Pablo Iglesias, gañou con claridade na clase dos ORC 2, deixándolle a prata ao Solventis, de Malalo Bermúdez (MRCYB), e o bronce á Losqueada, de Fran Edreira (CN Sada).
O podio dos ORC 3 repartírono entre La Rabuda Uno, de Fernando González (RCN Portosín), o GDiez de José Naya (CN Ferrol), e o Plano B de NunoRibes (CV Atlántico), que quedaron en primeira, segunda e terceira posición respectivamente.
Na competición dos J80 en tempo real, o Real Club Naútico de Coruña foi o claro triunfador. Os seus barcos, que dominaron en practicamente todas as probas dos tres días, fixéronse finalmente con dous dos postos de honra. O Biba de Miguel Fernández alzouse campión e o Marina Coruña de Pablo Martínez quedou en terceira posición. O segundo posto foi para Mi Moneda de Ero Pons, con grímpola do Monte Real Club de Iates de Baiona.
Na Ladies Cup fíxose coa vitoria o Serralleiras, con Sandra Azón da Federación Catalá á cana. O segundo posto foi para o Tutatis, patroneado por María Campos, da Federación Galega.
Na clase ORC Especial impúxose o Deep Blue de Vicente Cid (RCN Vigo). O segundo posto foi para o Q Talento de Javier Rey (MRCYB), e o terceiro para o Enxuto de Pablo Conde (CY Acapulco).
E na categoría de clásicos, que hoxe non puideron disputar ningunha proba pola falta de vento, o ouro foi para o Belisa de José Manuel Cores (AGABACE) e a prata para o Jonathan de Jos Van Veen (Real Muiden NL).
O Monte Real Club de Iates de Baiona tamén entregou esta tarde o premio do Segundo Circuíto Atlántico de Cruceiros, que recibiu a tripulación do Fifty de Rui Ramada de mans do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.











