O Festival Folclórico Mar de Arousa e o concerto da agrupación musical do Rosal compoñen a oferta lúdico cultural en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Coa chegada do outono comeza tamén a programación cultural no Auditorio. Esta fin de semana as instalacións municipais acollen dous actos lúdico e culturais de entrada gratuíta dos que poderán gozar os afeccionados ao folclore tradicional e á música de banda. Serán o III Festival Mar de Arousa do sábado pola tarde e o concerto dun grupo de mozos da Asociación Musical do Rosal o domingo a mediodía.

A asociación Mar de Arousa organiza a terce8ra edición do seu festival folclórico, unha cita na que, ademais do seu grupo de baile, actuarán as agrupacións Tangariño (Mos), Rebulir (Ourense), Fortín da Poba (Silleda), Vides Novas (Poio) e como convidados especiais, o grupo Etnográfico Vila Praia de Áncora (Portugal). O festival comezará ás 18:30 horas e a entrada é libre e de balde.

Despois do baile, chega a música da man dun grupo de mozos e mozas da Agrupación Musical do Concello do Rosal, de idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, que participan nun programa de “Convivencia de Música e Patrimonio” que están a desenvolver na Ría de Arousa. Os 55 mozos, todos eles compoñente da Banda de Música da Agrupación musical do Rosal ofrecerán un concerto aberto e gratuíto o domingo, a partir das 12:30 horas no Auditorio de Vilagarcía.

Ademais da actuación, os mozos participarán estes días en diversas actividades lúdicas, culturais e naturais polos municipios arousán, como andainas por espazos naturais, rutas en kaiak, visitas a museos e outros centros e lugares de interese. O obxectivo deste programa é o de reforzar a formación integral dos mozos como individuos, e tamén a sensibilizalos coa natureza e o patrimonio, de xeito que todo elo redunde nunha meirande capacidade na maduración como músicos.

25 de setembro de 2014 | 11:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.