O festival ‘De corpo en lugar, artes vivas non museo’ achega a Santiago novas propostas de danza

Europa Press
Presentación de 'De corpo en lugar, artes vivas non museo'

Presentación de ‘De corpo en lugar, artes vivas non museo’

O festival ‘De corpo en lugar, artes vivas non museo’ leva a Santiago novas propostas no ámbito da danza e do movemento a través de performances, talleres de artista e presentacións de investigadores en dous ciclos diferentes. O primeiro terá lugar os próximos 25 e 27 de setembro e o segundo entre o 1 e o 3 de outubro, ambos no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentou este mércores no CGAC este evento organizado polo colectivo trasPediante Cultura e dirixido por Begoña Cuquejo e Ania González, co apoio da Consellería de Cultura.

En concreto, o principal obxectivo desta iniciativa, segundo destacou Cuquejo, é fortalecer a continuidade “entre a danza contemporánea e a acción performativa” para profundar en relacións entre “movemento, corpo, produción do espazo público e procesos instituíntes”.

Así, Ania González explicou que o primeiro ciclo propón o estudo e a experimentación de prácticas de parainstitucionalidade e movemento do corpo no espazo público co fin de potenciar “posibles procesos instituíntes no contexto local”.

Ademais, presentarase por primeira vez en Galicia o Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria (BMfB), unha performance de Nadaproductions que, baixo o slogan ‘Vai e fala co teu goberno’, promove a creación de novas formas de institucionalidade e recoñecemento legal.

SEGUNDO CICLO

Durante o segundo ciclo, os días 1, 2 e 3 de outubro, terá lugar un taller dirixido pola artista turca Ayse Orhon destinado a estudantes, profesionais das artes e a calquera persoa interesada na reflexión ao redor do corpo e da súa potencialidade, segundo sinalou Cuquejo.

Desta forma, as directoras do festival remarcaron que o proxecto trata dar visibilidade ás artes vivas no museo e á creación dun contexto que posibilite o pensamento, a investigación e o discurso ao redor da performance.

25 EUROS POR TALLER

Todas as actividades son abertas e gratuítas para o público excepto os talleres, para os que é preciso inscribirse e pagar unha matrícula de 25 euros.

En total, haberá 15 prazas para cada taller e os interesados poderán atopar a información que necesiten na páxina web do CGAC e na da Consellería de Cultura.

24 de setembro de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.