O espectáculo de acrobacias aéreas de Circo Chosco pon o punto e final á Semana Cultural de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Espectáculo de acrobacias

Espectáculo de acrobacias

O espectáculo de acrobacias aéreas “Chosco Voando”, da compañía “Circo Chosco”, puxo na tarde de onte luns o punto e final a unha exitosa Semana Cultural do Concello de Oroso. Así o apunta o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, quen amosa a súa satisfacción “pola elevada participación rexistrada na vintena de actividades organizadas polo Concello de Oroso durante esta última quincena de agosto”.

Leira Piñeiro fai unha valoración moi positiva desta gran participación “xa que demostra o acerto de ofrecer unha oferta variada de actividades gratuítas para todos os gustos e idades e que incluíu obradoiros, contacontos, actuacións musicais, teatro, excursións, maxia, monicreques, acrobacias, clown, xogos, cursiños e obradoiros”.

Unha elevada participación que se volveu repetir no espectáculo de acrobacias aéreas de Circo Chosco, celebrada na tarde de onte luns no exterior da piscina municipal e que reuniu a máis de duascentas persoas, na súa maioría nenos e nenas. Unha actuación inicialmente programada para o pasado 25 de agosto pero que tivo que ser aprazada por mor do mal tempo, xa que se trata dun espectáculo que non é posible celebrar a cuberto.

2 de setembro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.