O equipo de Kaiak Polo Combarro sub-16 proclámase campión galego
O equipo sub-16 de Kaiak Polo Combarro obtivo o pasado domingo, 31 de xullo, o título de Campión Galego na modalidade de Kaiak Polo, ademais obtivo o triunfo da Copa Galega de Kaiak Polo celebrada durante toda a tempada, sendo líder indiscutible na súa categoría.
Desde a súa creación en febreiro do 2011, o Club de Kaiak Polo Combarro foi medrando de forma considerable, de contar con só un equipo fai 4 anos, este ano chegou a estar a participar con dous equipos na modalidade de absoluto e un en sub-16 na liga Galega, así como participar simultaneamente na Segunda División da liga Nacional Absoluta de kaiak polo, onde obtiveron unha quinta posición dun total de doce participantes.
O equipo de sub 16, creouse a través da colaboración co Concello de Poio, a través do programa Escolas Deportivas. Con esta iniciativa perséguese fomentar a práctica do kaiak polo a nivel escolar. Este ano como novidade ao anterior exercicio, o equipo contou con catro nenas no equipo equiparando así a igualdade de sexos no club.
O colectivo adestra catro días á semana na dársena do porto deportivo de Combarro, aínda que no verán é máis levadío debido ás altas temperaturas da auga e aos días con boa visibilidade, a finais deste mes dará comezo a dura pretemporada debido ás condicións climatolóxicas. Aínda así, os xogadores afrontarán con entusiasmo os adestramentos para seguir cultivando triunfos como os desta tempada.